As autoestradas galegas pasan a mans de APG, o maior fondo privado de pensións nos Países Baixos

APG conta con perto de 60% do capital de Itínere.
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Foto: Arxina).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela. (Foto: Arxina)

Algemene Pensioen Groep (APG), o maior fondo privado de pensións nos Países Baixos -move 20% deste negocio no país neerlandés-, fíxose esta semana co control das autoestradas galegas que a compañía Itínere explota no país.

En concreto, APG adquiriu a AP-9, principal arteria do eixo atlántico; as autoestradas titularidade da Xunta A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona; e a AP-53 Santiago-Dozón. Ademais, tamén tomou o dominio doutras tres autoestradas no norte do Estado español.

Foi a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a que deu o visto bo á adquisición por parte do fondo privado de pensións dun paquete de accións que até o de agora eran propiedade da xestora estadounidense Corsair Infraestructure Partners.

Desta forma, APG faise co control maioritario de Itínere. Corsair seguirá mantendo unha parte minoritaria do capital da compañía de explotación da rede de autoestradas no Estado español. Outra concesionaria, Globalvia, tamén posúe accións de Itínere. Esta última atópase inmersa nunha batalla xudicial con APG e Corsair para facerse coa parte maioritaria do accionariado.

Neste momento, o fondo privado conta con perto de 60% do capital de Itínere. Esta maioría absoluta permitiralle a partir de agora ter o poder de decisión final sobre o modelo de explotación das autoestradas na Galiza.

As autoestradas galegas, en mans estranxeiras

A práctica totalidade das estradas de pago na Galiza están en mans de empresas estranxeiras, fundamentalmente de grandes fondos de investimento. A día de hoxe xestionan practicamente 90% dos quilómetros de autoestradas e autovías en sombra, isto é, aquelas pagadas ás concesionarias a cargo das partidas dos orzamentos da Xunta da Galiza ou do Goberno do Estado español.

Mentres as compañías de capital foráneo controlan máis de 433,7 quilómetros, que a súa vez son os máis rendíbeis, as sociedades de maioría galega, principalmente construtoras, só dispoñen de 63,43 quilómetros.

Comentarios