A produción industrial cae na Galiza e medra no Estado

O IPI sitúase no país en 105,5 puntos, 26,1 por baixo do ano 2008

Stellantis
photo_camera Liña de montaxe de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press).

A produción industrial continúa descendendo na Galiza. Os datos do Índice de Produción Industrial (IPI) ofrecidos onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre xaneiro de 2024 recollen unha caída dunha décima no país e unha suba de 3,6 puntos no conxunto do Estado español.

Neste sentido, o IPI situouse no primeiro mes do ano en 105,5 puntos, o que representa unha diminución de 26,1 puntos en relación ao mesmo mes do ano 2008, cando fechou en 131,6 puntos. Asemade, esta tendencia non se viu alterada nos períodos de crecemento do IPI no Estado español, en Portugal e no conxunto da Unión Europea.

A evolución do IPI no mes de xaneiro confirma o complicado escenario para o sector industrial galego. Os sectores industriais que presentaron un peor comportamento en xaneiro de 2024 foron o da enerxía e o da fabricación de bens equipo, marcando o primeiro unha caída de oito puntos e o segundo unha baixada de 4,3 puntos.

Pola contra, os bens de consumo rexistraron unha alza de 14,1 puntos e a fabricación de bens intermedios medrou en 6,1 puntos. Resulta preocupante a caída da produción industrial do sector metalúrxico, que perdeu un total de 22 puntos ao longo de 2023, con especial incidencia no sector do automóbil, que cedeu 49,3 puntos desde o ano 2008.

Así, Galiza segue sen recuperar os niveis de produción industrial previos á coñecida como Gran Recesión, iniciada en 2008, a diferenza do acontecido na media do Estado español e do espazo da Unión Europea.

As debilidades do complexo industrial galego teñen un claro impacto no emprego, pasando de ocupar 210.200 persoas en decembro de 2008 a 174.700 en decembro de 2023, último mes con datos. A este respecto, atendendo ás cifras da Enquisa da Poboación Activa (EPA), Galiza perdeu nese período 34.500 postos de traballo na industria

Comentarios