18-F

A Galiza perdeu desde 2009 máis de 42.000 empregos na industria

A industria empregaba na Galiza 210.800 persoas ao inicio de 2009, ano en que o PP regresou á Xunta da Galiza. Segundo o último dato, o do terceiro trimestre de 2023, a cifra de traballos industriais reduciuse até atinxir só 168.400 persoas.
Evolución trimestral do peso do sector da industria sobre o total do mercado laboral galego entre 2008 e 2023. (Foto: Casavella / Gráfica: Nós Diario)
photo_camera Evolución trimestral do peso do sector da industria sobre o total do mercado laboral galego entre 2008 e 2023. (Foto: Casavella / Gráfica: Nós Diario)

No primeiro trimestre de 2009, ano en que o Partido Popular accedeu ao Goberno galego con Alberto Núñez Feixoo na Presidencia, o número de persoas ocupadas no sector da industria na Galiza era de 210.800. Segundo o último dato da Enquisa de Poboación Activa (EPA), esta cifra reduciuse até as 168.400 no terceiro trimestre de 2023, polo que á espera da EPA do último trimestre do exercicio pasado, os 15 anos do PP na Xunta da Galiza deixaron unha perda de 42.400 traballos no sector, máis de 20% dos empregos da industria.

Durante o último ano os datos tampouco supuxeron unha recuperación laboral, pois a ocupación na industria galega descendeu en 1.200 persoas entre o terceiro trimestre de 2022 e o mesmo período de 2023, o que supón unha caída de 0,7%. Ao retrotraerse ao ano en que estalou a crise da pandemia da Covid seguen as cifras negativas. Naquel momento, no primeiro trimestre de 2020, os empregos na industria na Galiza eran 190.900, polo que se perderon 22.500 postos de traballo no sector desde aquela altura (-11,8%).

Pola contra, no conxunto do Estado, a perda de emprego na industria desde o comezo do ano 2009 foi de 3,6%, mentres que desde o inicio da pandemia (primeiro trimestre do ano 2020) aumentou 2% a ocupación no sector. Estes datos fanse notar na intensa perda de peso da industria no conxunto dos sectores laborais galegos. Así, a industria daba emprego no primeiro trimestre de 2009 a 18% das persoas ocupadas do país. No terceiro trimestre de 2023 esta porcentaxe descendeu até 14,7% dos traballos no mercado laboral galego, 3,3 puntos porcentuais menos.

Desde o primeiro trimestre do ano 2020, a caída tamén é relevante, de 2,9 puntos porcentuais, pois nese momento a industria supuña 17,6% dos postos do traballo na Galiza. De feito, o peso do sector no conxunto do mercado laboral galego alcanzou no terceiro trimestre de 2023 a súa taxa mínima da serie histórica do Instituto Nacional de Estatística (INE), que comeza en 2008. Por outra parte, a fenda de xénero na industria galega é de máis de 40 puntos porcentuais. Así, das 168.400 persoas que traballaban na industria no terceiro trimestre de 2023, máis de 70%, un total de 119.200, eran homes. Unha diferenza na incorporación das mulleres ao emprego na industria que apenas mudou desde o ano 2009.

Desta forma, mentres que un de cada cinco homes (20%) da Galiza de alta como ocupados na Seguridade Social traballaba na industria no terceiro trimestre de 2023, no caso das mulleres a ratio (9%) non chegaba a unha de cada 10. A comezos de 2009, a ocupación masculina na industria alcanzaba 23,6% do total, mentres a feminina era de 11,3%.

Até 5.800 traballadoras menos en tan só un ano

Por outra parte, mentres que a comezos de 2009 as mulleres que traballaban na industria galega eran 60.100, no terceiro trimestre de 2023 esta cifra descendeu até 49.200, até 10.900 menos (-18,1%). Pola súa parte, desde o inicio de 2020, a ocupación feminina no sector tamén baixou, pasando de 53.500 a 49.200, 4.300 menos (-7,2%).  Neste sentido, tan só entre o segundo e o terceiro trimestre de 2023 a caída de mulleres ocupadas na industria da Galiza foi de 4.100 (-7,7%).

En termos interanuais, na comparanza entre o terceiro trimestre de 2023 e o mesmo período de 2022, a perda de ocupación feminina no sector galego foi aínda maior, dun total de 5.800 traballadoras, até 10,4% menos en tan só 12 meses.

A mocidade, fóra do sector

En termos de idade, mentres que no primeiro trimestre de 2009 eran 19.100 as persoas menores de 25 anos que traballaban no sector da industria na Galiza, este número reduciuse até 6.100 no terceiro trimestre de 2023, o que supón un descenso de 68,1%. Desta maneira, mentres que as mozas e os mozos que traballaban no sector supuñan 9,1% da masa laboral da industria a comezos de 2009, esta porcentaxe baixou até 3,6% no caso do dato máis recente.

O empresariado galego no sector baixa máis de 44%

Entre as persoas ocupadas no sector da industria no terceiro trimestre de 2023 (168.400), un total de 156.000 eran asalariadas, 92,6% do global, 11.700 eran empresarias ou facían parte dunha cooperativa (6,9%), mentres que 600 axudaban nunha empresa ou negocio familiar (0,4%). Así, desde comezos de 2009 descenderon en 31.600 as persoas asalariadas na industria (-20,3%), en 9.300 as empresarias ou que facían parte dunha cooperativa (-44,3%) e en 1.700 as que axudaban nunha empresa ou negocio familiar (-74%).


A industria supón 15,5% do Produto Interior Bruto da Galiza

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a industria supuxo no terceiro trimestre de 2023 unha porcentaxe de 15,5% do Produto Interior Bruto (PIB) total da Galiza. Tamén segundo cifras do IGE, neste caso do ano 2021, o último con datos, a industria galega obtivo unha cifra total de negocios de 46.779 millóns de euros.

Cifra de negocios

O sector da alimentación, das bebidas e do tabaco foi o que máis cifra de negocios tivo na industria da Galiza en 2021, con 10.686 millóns de euros, 22,8% do total. Moi perto, na segunda posición, colocouse o sector da industria extractiva, da enerxía, da auga e dos residuos, con 10.544 millóns de euros (22,5%).

O material de transporte obtivo unhas vendas de 9.459 millóns (20,2%), mentres que a cifra de negocio da metalurxia e dos produtos metálicos foi de 6.106 millóns (13,1%). Xa bastante por detrás, en quinta posición, o sector da madeira, da cortiza, do papel e das artes gráficas obtivo unhas vendas de 2.395 millóns (5,2%).

Comentarios