Os prezos industriais descenderon 2,9% na Galiza no mes de xaneiro

Os prezos industriais diminuíron 2,9% o pasado xaneiro na Galiza en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta taxa foi inferior á media estatal, de 3,8%, e supuxo un retroceso en comparación coa baixada interanual de prezos de 5,9% en decembro. En concreto, os bens de consumo -aqueles listos para seren comprados polas usuarias finais- incrementaron o seu prezo 3,8% e os bens de equipo -aqueles que serven para producir outros bens e teñen unha vida útil longa- encareceron 1,3%. Pola súa parte, os bens intermedios -os materiais empregados no proceso de produción- baixaron 3,8%, así como a enerxía, que descendeu 10,4%. Por outra parte, o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) da electricidade nos contratos domésticos regresará a 21% en marzo. Segundo cálculos de Selectra -empresa de asesoramento enerxético-, a suba no recibo será de 7,48 euros en comparanza cos impostos de 2023 e de 4,56 euros con respecto a xaneiro e febreiro.

Traballadoras da industria conserveira da Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadoras da industria conserveira da Galiza (Foto: Nós Diario).
Comentarios