A produción industrial baixa 1,9% na Galiza en outubro

A caída rexistrouse en todos os sectores, especialmente nos bens de equipo e nos bens de consumo non duradeiro.
Os feches golpearon na industria e na construción, non tanto nos servizos.
photo_camera Polígono industrial na Galiza. (Foto: Arquivo)

A produción industrial na Galiza esqueceu a suba de 8,9% do mes de setembro e rexistrou en outubro unha baixada de 1,9%. Coa caída interanual de outubro, a produción industrial encadea dez meses consecutivos en taxas negativas, polo que de media no que vai de ano 2020 acumula unha diminución do 9,7%. 

Todos os sectores rexistraron en outubro caídas anuais da produción, especialmente os bens de equipo (-9,6%) e os bens de consumo non duradeiro (-8,4%). Séguenlles os bens de consumo duradeiro, cun retroceso do 6,5%; a enerxía, que recortou a súa produción un 3,8%, e os bens intermedios (-2,8%).

As actividades que máis baixaron a súa produción en outubro foron a industria do coiro e do calzado, cun retroceso anual do 29,7%, e a fabricación doutro material de transporte (-20,8-%). Entre as actividades que elevaron a súa produción anual destacan a fabricación de produtos de caucho e plásticos (+4,6%) e a fabricación de vehículos de motor (+4,2%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial rexistrou en outubro unha caída interanual do 1,6%, moderando en 1,5 puntos o retroceso do mes de setembro (-3,1%). 

Suba de 0,6% en taxa mensual de produción

Se contamos a produción industrial galega de outubro sobre setembro, e dentro da serie corrixida, encadeou o seu sexto aumento mensual consecutivo ao subir un 0,6%, tres décimas menos que en setembro.

Este crecemento está lonxe dos aumentos de dous díxitos que se lograron en maio, xuño e xullo.

Tres sectores rexistraron en outubro taxas mensuais positivas: os bens intermedios (+1,8%), os bens de equipo (+1,3%) e os bens de consumo duradeiro (+0,4%). A nivel estatal, o maior descenso levouno Navarra (-20,3%) e a maior suba Estremadura (26,2%).

Comentarios