A produción industrial cae en 6% na Galiza, que acumula xa 9 meses de descensos interanuais

No que vai de ano a media do descenso da produción industrial galega descende é de 6,2%, o que supón o segundo maior retroceso entre todos os territorios do Estado. Porén, a media española tivo nese período un repunte de 0,4% neste período.

Persoas traballando nunha cadea de montaxe (Foto: Nós Diario).

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou en agosto en 6% en comparación co mesmo mes do ano anterior, fronte á caída de 0,5% de media rexistrada no conxunto do Estado español, segundo dados do Instituto Nacional de Estatística (INE). Con este novo descenso son xa nove meses consecutivos de caídas interanuais, o último dato positivo data de novembro de 2018.

A produción industrial aumentou o ano pasado en seis territorios do Estado na taxa interanual. Galiza é o terceiro territorio (-6%) cunha caída máis acusada da produción industrial, só por detrás de Baleares (-11,3%) e Cantabria (-8,7%). Os maiores incrementos producíronse en Euskadi  (5,8%) e Nafarroa (4,5%).

De media no que vai de ano a produción industrial galega descende en 6,2%, entre xaneiro e agosto, o que supón o segundo maior retroceso entre territorios, só superado por Baleares (-7,2%). Porén, a media española rexistrou nese mesmo período un repunte de 0,4% neste período.

Desde 2009 a inicios de 2019 no sector industrial galego hai por volta de 20.000 traballadores e traballadoras menos. A situación actual do sector non convida ao optimismo: crise da industria electrointesiva (Alcoa ou Ferroatlántica); Poligal,   Meirama… Para sindicatos como CIG-Industria, son exemplos do  proceso de “desertización  industrial”  que desde hai anos “veñen provocando as políticas neoliberais, executadas sen miramentos, polo Goberno galego e polo Goberno español”.

Comentarios