Vivenda

Os prezos dos alugueres encareceron 47% durante os últimos seis anos

A constante suba dos prezos dos alugueres (47% de incremento nos últimos seis anos) e as dificultades para adquirir unha vivenda en propiedade, contrastan co alto número de inmóbeis que se atopan baleiros na Galiza (340.500), mesmo nas áreas metropolitanas das sete cidades.
As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)
  1. A burbulla inmobiliaria
  2. A vivenda baleira
  3. Vivenda desocupada de titularidade pública
  4. O prezo do aluguer
  5. 0,3% de vivenda pública na Galiza

A Galiza rexistra 340.500 vivendas baleiras. Malia manterse sen ocupar 21,2% do parque total inmobiliario do país, conseguir unha residencia estase a converter nunha misión case imposíbel para boa parte das galegas e galegos.

A este respecto, o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, ten sinalado que “exclusivamente 1,5% das vivendas baleiras en 313 concellos da Galiza se atopan no circuíto de comercialización”. Nesta dirección, promotores inmobiliarios e urbanistas  manifestan a súa sorpresa pola incapacidade das diferentes Administracións para mobilizar estes inmóbeis e sitúalos no mercado.

A burbulla inmobiliaria

As vivendas baleiras son unha realidade presente na totalidade do territorio galego. Unha das maiores taxas de desocupación sitúase naquelas zonas costeiras de moita presión turística, cunha boa parte dos inmóbeis destinados a segunda residencia e onde mandan as vivendas turísticas.

Neste perfil atópase Foz, con 33,95% dos inmóbeis desocupados; Cedeira, con 33,96%, Carnota (34,2%), Malpica de Bergantiños (33,74%) e Camariñas (33,3%). A maiores, estes concellos padeceron na primeira década do século XXI unha actividade urbanística desenfreada, que nalgúns casos practicamente duplicou o parque inmobiliario.

A vivenda baleira

A lóxica do despoboamento de amplas zonas do país ten o seu impacto nos usos da vivenda. Neste sentido, o concello con máis vivendas desocupadas é A Porqueira, con 40.63% das vivendas baleiras; Castrelo do Val (38,8%), Melón (37,75%), Ramirás (35,42%), Rairiz de Veiga (34,96%), Carballeda de Avia (34,73%) e Maside (33,08%). Sen ir máis lonxe, A Porqueira perdeu 56,4% da súa poboación nos últimos 30 anos, Castrelo do Val perdeu 51,5%, Carballeda de Avia, 48,9%; e Maside, 44,9%.

Os principais núcleos urbanos da Galiza non escapan a esta tendencia: A Coruña rexistra 19.283 vivendas baleiras (20,4% do parque inmobiliario total da cidade), Ferrol ten 8.318 vivendas baleiras (19,7% do seu parque inmobiliario); Compostela 9.512 (16,9%), Lugo 12.370 (20,4%), Ourense 14.561 (20,4%), Pontevedra 6.886 (17,4%) e Vigo rexistra 18.588 vivendas baleiras (12,9%).

A deputada do BNG Alexandra Fernández sinala a Nós Diario que “100.000 das 340.000 vivendas baleiras edificáronse entre 1991 e 2011, o que dá conta de que non estamos só diante de vivendas vellas”. Asemade, reclama á Xunta da Galiza “un estudo preciso da realidade do parque galego de vivenda para determinar as zonas onde se precisaría mobilizar inmóbeis porque hai demanda e a partir de aí fixar as medidas impositivas precisas, atendendo as características do propietario”.

O portavoz do PSdeG no Parlamento, Luís Álvarez, criticou esta semana na Cámara o “fracaso das políticas de vivenda” do Goberno galego, logo de coñecerse na terza feira que, segundo a liquidación do primeiro semestre deste ano, a Xunta só executou 3% do programa de acceso á vivenda.

Pola súa parte, o presidente Alfonso Rueda recoñeceu na cuarta feira os problemas da mocidade para acceder á vivenda, porén puxo en valor as políticas neste ámbito do seu Goberno, significando as máis de 23.000 persoas que se beneficiaron das axudas ao aluguer da Xunta desde 2009. 

Vivenda desocupada de titularidade pública

Unha parte destas vivendas desocupadas son de titularidade pública. Concretamente 2.735 inmóbeis baleiros existentes na Galiza pertencen á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), popularmente coñecido como o banco malo, sendo o seu propietario o Goberno do Estado. Segundo Fegein, a parte máis importante destes inmóbeis localízanse en Vigo e na Coruña, onde se atopan 650 e 1.200 demandantes de vivenda, respectivamente.

O alto número de inmóbeis  desocupados contrasta coa alza dos prezos da vivenda en aluguer ou propiedade. Neste sentido, a sociedade de taxación de vivendas Tinsa sinala que “no terceiro trimestre do ano o prezo da vivenda en propiedade rexistrou un incremento interanual de 7,3%”. Asemade, destaca que 6,2% desta suba concéntrase entre xaneiro e setembro de 2022.

O prezo do aluguer

Os últimos datos achegados por entidades independentes significan a alza no alugueiro. Precisamente o portal inmobiliario de referencia, El Idealista, sinala que o prezo do aluguer tense incrementado en 47% nos últimos seis anos, pasando de pagarse a 5,8 euros o metro cadrado en 2016 a 7,8 euros o metro cadrado en 2022. Ao tempo, destaca unha maior alza do prezo do aluguer nas áreas metropolitanas das sete cidades galegas.

0,3% de vivenda pública na Galiza

O parque inmobiliario galego só conta con 0,3% de vivendas de titularidade pública. Estas cifras son unha anomalía no contexto europeo onde os inmóbeis en mans dos poderes públicos suman de media 9%. As razóns desta situación son estruturais mais agudizadas polas políticas da Xunta.

Comentarios