O prezo da luz fica este 'Xoves Santo' por baixo de 1 euro/MWh e sumará 17 horas en case cero euros

O prezo medio esta quinta feira será de 0,66 euros/MWh, o terceiro nivel máis baixo do ano.
Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Este importante descenso no 'pool' débese, principalmente, á presenza na Península Ibérica dunha nova borrasca, chamada 'Nelson'. (Foto: Nós Diario)

O prezo do mercado almacenista eléctrico, o denominado 'pool', seguirá esta quinta feira, no arranque da Semana Santa, cun nivel medio por baixo da cota do euro por megawatt e hora (MWh). Serán, en concreto, 0,66 euros/MWh, rexistrando o seu terceiro nivel máis baixo do ano.

O prezo máximo do día será de 3,2 euros/MWh, e darase entre as 19 e as 23 horas. Con todo, durante a maior parte da xornada rexistraranse prezos de cero euros/MWh —das 1h ás 6h e de novo entre as 10 e as 17 horas—, con até un total de 17 horas con prezos neses niveis ou moi próximos, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Con todo, este prezo non se traslada logo ao recibo exactamente a eses cero euros, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico, por peaxes, cargos e axustes do sistema.

O deste 'Xoves Santo' será así o terceiro prezo medio máis baixo no que vai de 2024, tan só por detrás dos pasados 9 e 10 de marzo, cando o prezo do 'pool' xa baixou tamén da cota do euro/MWh —con 0,59 e 0,54 euros/MWh, respectivamente—, rexistrando así uns niveis que non se vían desde 2014 para unha xornada.

Este importante descenso no 'pool' débese, principalmente, á presenza na Península Ibérica dunha nova borrasca, chamada 'Nelson', que deixará nestes días de Semana Santa fortes refachos de vento e choivas, impulsando así a entrada das renovábeis —especialmente eólica— no 'mix' de xeración eléctrica.

O pasado mes de febreiro, o prezo medio diario do mercado almacenista situouse nos 40 euros/MWh, cun descenso de 46% fronte a xaneiro e de 69,7% respecto a hai un ano (132,06 euros/MWh), debido xa a alta participación das renovábeis, especialmente tamén polas borrascas a finais do pasado mes.

Marzo apunta a récord (por abaixo)

Este feito motivou que a electricidade recuperase temporalmente o seu Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de 21% desde marzo, despois de que o prezo do mercado almacenista rexistrase unha media inferior en febreiro aos 45 euros/MWh, o tope fixado no Real Decreto de medidas urxentes. Esta medida manterase en abril xa que a media de marzo, a falta duns días para o seu feche, sitúase na contorna dos 22 euros/MWh e vaticínanse prezos baixos nestes últimos días do mes, que será así un dos máis baratos da historia.

O último Consello de Ministros do ano pasado aprobou que o IVE da electricidade pasase de 5% a 10% e que se mantivese ese tipo até finais de 2024, sempre que se cumprise a condición de que os prezos do MWh no mercado almacenista ficasen altos, por riba deses 45 euros/MWh.

Comentarios