Este é o prezo da luz por horas para hoxe, 22 de decembro, o día máis barato do ano

O prezo mínimo deuse entre as 2 e as 3 horas, mentres que o máximo será de 20 a 21 horas.
A factura da luz é hoxe 183% máis elevado que hai xusto un ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sen a 'excepción ibérica', o prezo sería de 136,74 euros/MWh. (Foto: Europa Press)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista caerá esta quinta feira 19,55% a respecto desta cuarta, até os 52,51 euros por megawatt hora (MWh), o que supón o seu rexistro máis baixo no que vai de ano. Na poxa, o prezo medio da luz no mercado grosista, o denominado pool, sitúase para esta quinta feira en 52,03 euros/MWh, marcando así tamén o nivel máis baixo de todo 2022.

Esta quinta feira o prezo máis elevado rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, con 75,74 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 30 euros/MWh, deuse entre as 2 e as 3 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Evolución do prezo da luz no mercado diario para esta quinta feira. (Fonte: OMIE)
Evolución do prezo da luz no mercado diario para esta quinta feira. (Fonte: OMIE)

A este prezo do pool súmase a compensación ás gasistas, que ten que ser abonada polas persoas consumidoras beneficiarias da medida, as consumidoras da tarifa regulada (PVPC) ou as que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, que para esta quinta feira fica en 0,48 euros/MWh.

A pesar de que o prezo para esta quinta será o máis baixo de todo o ano, a media para as e os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado grosista entre o 1 e o 22 de decembro sitúase aínda en 174,21 euros/MWh de media, fronte aos 116 euros/MWh do mesmo período do mes anterior.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da luz no Estado español sería de media de 136,74 euros/MWh, o que supón uns 84,23 euros/MWh máis que coa compensación para clientes da tarifa regulada, que pagarán así 61,6% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade desde un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

Por outra parte, os Estados da Unión Europea chegaron esta segunda feira a un acordo para aplicar un tope de 180 euros ao prezo das importacións de gas á UE, nun acordo que finalmente foi apoiado por Alemaña, mais que contou coa abstención dos Países Baixos e de Austria e a oposición de Hungría. A falta de unanimidade entre Ministerios fixo que a presidencia checa sometese a proposta a votación, saíndo por maioría cualificada.

Comentarios