Acordo comunitario para a aplicación dun tope de 180 euros ao prezo do gas

O custo da crise dos combustíbeis na UE chega ao billón de dólares.
O prezo da luz aumenta esta quinta feira (Foto: Rasstock).
photo_camera O acordo foi rexeitado por Hungría, mentres Países Baixos e Austria optaron pola abstención. (Foto: Rasstock)

Os Estados da Unión Europea (UE) chegaron esta segunda feira a un acordo para aplicar un tope de 180 euros ao prezo das importacións de gas á UE, segundo informou a presidencia checa do Consello Europeo, nun acordo que finalmente foi apoiado por Alemaña, mais que contou coa abstención dos Países Baixos e de Austria, e a oposición de Hungría. A falta de unanimidade entre Ministerios fixo que a presidencia checa sometese a proposta a votación, saíndo por maioría cualificada.

Os ministros de Enerxía do Estados membros chegaron a este encontro co mandato de acordar o mecanismo de corrección do mercado, tras o ultimato que lles deron a pasada semana os líderes da UE a fin de contar en 2023 cunha ferramenta para evitar picos de prezos excesivos no mercado deste combustíbel.

Segundo o acordo alcanzado, o mecanismo activarase cando se superen os 180 euros no mercado da UE durante tres días seguidos e haxa unha diferenza de prezo de 35 euros respecto aos mercados internacionais.

Para chegar ao acordo con Alemaña, os Ministerios decidiron acceder á introducir no regulamento unha avaliación voluntaria para os Estados membros, que poderán identificar excepcións específicas previstas na lexislación comunitaria ambiental para o desenvolvemento de enerxías renovábeis.

O acordo pon fin a meses de disputas políticas internas sobre se intervir nunha crise enerxética que ameaza con levar á UE a unha recesión. De feito, segundo reportou o portal especializado en economía Bloomberg, o aumento dos prezos dos combustíbeis como consecuencia do conflito en Ucraína xa alcanzou un custo para a UE dun billón de dólares, nunha situación que se prevé que se manteña até 2026.

Comentarios