Comunidades enerxéticas, alternativa para rebaixar o prezo da luz até 50%

As comunidades enerxéticas cobran forza na Galiza como alternativa efectiva para reducir a factura eléctrica. A iniciativa non só significa unha rebaixa no prezo da luz, senón que implica unha democratización da xestión da enerxía fronte aos grandes oligopolios. Os primeiros proxectos xa están en marcha no país.
Ana Millán, segunda pola dereita, acompañada de integrantes da directiva da asociación que xestiona a comunidade de Arousa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Millán, segunda pola dereita, acompañada de integrantes da directiva da asociación que xestiona a comunidade de Arousa. (Foto: Nós Diario)

A Illa de Arousa é unha das localidades galegas onde está en marcha unha comunidade enerxética. Á súa fronte atópase Ana Millán, presidenta da asociación Arousa en Transición, que promove actualmente un proxecto para a instalación duns paneis fotovoltaicos para autocosumo, dun punto de carga de vehículos eléctricos e dunha app que permita xestionar e mellorar os consumos.

Millán sinala a Nós Diario que “este primeiro proxecto piloto da comunidade enerxética agrupa 12 familias, o Concello e a asociación de mariscadoras, en cuxo local se van emprazar os paneis solares”. Neste sentido, declárase “moi ilusionada co proxecto” e agarda que sexa "unha pequena revolución para que máis xente se una á iniciativa".

A presidenta da entidade sinala que “a comunidade enerxética vai permitir un aforro nos consumos eléctricos desas 12 familias de perto de 50%, recuperando o investimento nun prazo de seis anos”. A este respecto, lembra que “a iniciativa está financiada en 60% por axudas procedentes do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía en España (IDAE)”. 

Arousa ten en marcha outros dous proxectos máis nesta liña. Un deles, impulsado pola confraría de pescadores de San Xulián e a Asociación de mexilloeiros da Illa de Arousa , estuda a viabilidade dunha embarcación híbrida para traballar nas bateas. Outro, denominado Cler Illa de Arousa, analiza cal é a mellor enerxía para pór en marcha unha comunidade enerxética. 

Da Illa de Arousa a Ponte Caldelas

A orixe da comunidade enerxética de Buchabade, en Ponte Caldelas, é diferente á da Illa de Arousa. Mentres esta última nace ligada ao proceso de elaboración da Axenda 2030 nese concello, a outra xorde da comunidade de montes da comarca pontevedresa. 

Precisamente, a negativa do Goberno do Estado a autorizar as comunidades de montes a promover estas iniciativas obrigou os comuneiros de Buchabade a constituír unha cooperativa para sacar adiante a proposta.

O presidente da comunidade enerxética de Buchabade, Fernando Malvar, explica en conversa con Nós Diario que “o proxecto nace a raíz da invasión eólica da Galiza, dunha liña eléctrica que atravesa os nosos montes comunais e da existencia dun parque nunha zona destas”. Neste sentido, “a comunidade enerxética é unha resposta responsábel, no marco dunha comunidade de montes cunha situación de certa solvencia”. 

Malvar indica que “a comunidade enerxética vai prestar servizo a 80 vivendas e dúas pemes, producindo un aforro no consumo que variará entre 40% e 20%, a través da instalación de paneis solares en dous lugares diferentes, que van xerar entre 130 e 140 quilowatts”.

Nesta dirección, agarda “lograr o óptimo do consumo mediante as achegas da comunidade de montes e dunha parte dos membros da comunidade enerxética”.

A experiencia da Illa de Arousa e Buchade repítese noutras partes da Galiza, como As Neves ou Mos, até sumar, actualmente, perto dunha ducia de proxectos en todo o país. O asesor enerxético Xosé Manuel Golpe colabora tecnicamente con moitas destas iniciativas, convencido de que “as comunidades son o camiño para reducir o custo da factura eléctrica e pór freo a actual alza de prezos”. 

"Aos pés dos cabalos"

Golpe comenta a Nós Diario que “o actual contexto enerxético deixa o consumidor doméstico, tanto de electricidade como de produtos de combustión, aos pés dos cabalos”. A este respecto, considera que “a única saída é o autoconsumo e as comunidades enerxéticas locais”. 

“Estas comunidades”, continúa Golpe, “non son máis que un grupo de persoas, empresas e incluso institucións públicas que se xuntan para, baixo un modelo de participación aberto, voluntario e igualitario, desenvolver proxectos que teñan a ver coa enerxía”. Golpe apunta que a súa actividade vai “desde crear proxectos de xeración de enerxía renovábel, participar na xestión técnica dos mercados, almacenar e distribuír enerxía até traballar na eficiencia enerxética de vivendas”.

Un proceso complexo

O proceso de posta en marcha das comunidades enerxéticas non resulta doado. Segundo afirma Malvar, “son moitas as dificultades a nivel técnico e a nivel xurídico, téndose formulado problemas fiscais”. Na mesma liña, destaca que “burocraticamente é bastante complexo”.

Comentarios