Prezo da luz do 21 de setembro: estas son as horas máis baratas

O prezo medio da electricidade cae levemente até os 238,3 euros/MWh.
Segue a evolución do prezo da luz en 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luz é hoxe 58,6% máis cara que hai xusto un ano. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista baixará esta cuarta feira un leve 0,95% a respecto da terza, até os 238,3 euros por megawatt e hora (MWh), segundo datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado grosista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade.

En comparanza co prezo da electricidade hai xusto un ano, o 21 de setembro de 2021, esta cuarta feira sobe até 58,6%. Daquela o megawatt por hora pagábase a 150,26 euros.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado grosista, o denominado pool, situarase esta cuarta feira en 137,4 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, con 187,93 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 104,89 euros/MWh, darase entre as 4 horas e as 5 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 100,9 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade no Estado español sería de media uns 277,58 euros/MWh, o que supón 39,28 euros/MWh máis que coa compensación para clientes da tarifa regulada, que pagarán así 14,15% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de 5 euros/MWh até a finalización da medida.

Comentarios