A luz encareceu 90% para a industria electrointensiva durante o último ano

A grande industria galega está ao límite. A alza da factura eléctrica está condicionando a súa actividade e cuestiona a súa viabilidade, cunha especial incidencia nas compañías denominadas electrointensivas. Ao paro e á redución da produción dalgunhas delas, xúntanse o traballo a perdas en moitas outras.
Forno de fundición en Megasa, cuxa produción está paralizada polos custos da luz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Forno de fundición en Megasa, cuxa produción está paralizada polos custos da luz. (Foto: Nós Diario)

Megasa, a metalúrxica con sede en Narón propiedade da familia Freire, é a última das grandes empresas galegas en paralizar parcialmente a súa produción como consecuencia  da suba da electricidade. O prezo da luz representa nesta factoría, cun cadro de persoal de perto de 150 traballadoras traballadores, arredor de 35% dos seus custos de produción, polo que calquera variación no valor da enerxía significa unha alteración na súa conta de resultados.

A compañía, que xa parou a súa actividade en decembro de 2021 e marzo de 2022, queixouse a comezos de agosto da entrada en vigor da coñecida como 'excepción ibérica', que estabelece un tope para o prezo do gas. Neste sentido, argumentou que “non é suficiente”, criticando que o maior custo neste novo escenario prodúcese polas noites, coincidindo cos picos de actividade dos grandes consumidores eléctricos.

Ferroatlantica mantén parada a súa factoría do polígono de Sabón en Arteixo desde o pasado mes de xullo. A compañía, propiedade da familia Villar Mir e que ten como primeiro executivo ao empresario procesado Javier López Madrid, enviou a un ERTE 125 traballadoras e traballadores, tras  recibir unha axuda da Sociedade Estatal de Participacións Industrias (SEPI) de 33 millóns de euros. Neste sentido, desde a empresa apuntan que a electricidade representa arredor de 25% dos seus custos de produción.

O caso de Alcoa

Alcoa é un caso paradigmático de compañía electrointensiva. A factoría de aluminio e alumina erguida polo Instituto Nacional de Industria (INI) en Cervo para aproveitar as potencialidades enerxéticas do pais -e posteriormente vendida polo Goberno español de José María Aznar a unha multinacional estadounidense- consume arredor de 30% da electricidade galega, representando o prezo da luz arredor de 40% dos seus custos de produción.

A planta de aluminio do complexo industrial leva fechada desde o mes de xaneiro, tras pactar sindicatos e dirección de empresa paralizar as cubas de electrólise polo elevado prezo da luz. Neste sentido, os responsábeis da multinacional teñen traslado nos últimos anos que calquera prezo por encima de 40 euros o megawatt/hora fai inviábel a actividade e cuestiona a súa viabilidade económica. Asemade, desde o 1 agosto comezou a redución da produción na sección de alumina como consecuencia da suba dos custos do gas, prevendo situala en 50%.

5.000 empregos

Megasa, Ferroatlantica e Alcoa son tres das denominadas empresas electrointensivas que teñen tomado medidas pola suba dos prezos. Porén, esta problemática afecta o conxunto das industriais desta natureza que en conxunto ocupan máis de 5.000 persoas na Galiza. Así, entre estas atópanse empresas como Celsa na Laracha, Xeal en Cee, Finsa en Compostela ou Intasa en San Sadurniño, algunhas das cales non desbotan fixar limitacións á actividade para conter o incremento os custos de produción.

O prezo da electricidade das grandes consumidoras eléctricas está sometido a unha tarifa regulada moi inferior ao do resto das persoas físicas e xurídicas. Segundo os datos achegados pola Asociación de Empresas con Grande Consumo de Enerxía, a patronal estatal das empresas electrointensivas, o prezo medio do mercado diario en 2022 é de 212,03 euros o megawatt á hora, un 90,2% superior ao de 2021. Asemade, a entidade  entende que “considerando as medidas aprobadas no seu estatuto e as compensacións do axuste de gas, o prezo a fin de ano no Estado será de 287,30 euros o megawatt á hora”.

Os custos enerxéticos das empresas electrointensivas son superiores no Estado español ás das súas homólogas francesas e alemás. Malia que o prezo da luz no mercado grosista é 49,3% máis baixo que en Alemaña e 64,6% máis reducido que en Francia, os custos en electricidade destas compañías son moito máis elevados no espazo estatal. Sen ir máis lonxe, no caso francés gozan dunha tarifa especial denominada ARENH que fornece a electricidade a 42 euros o megawatt/hora.

Uns custos de luz imposíbeis

A comezos de 2021, a dirección de Alcoa sinalou que producir aluminio por riba de 42 euros o megawatt non era rendíbel. Sexa ou non certo, a realidade é que os actuais prezos eléctricos (por riba dos 212 euros o megawatt para as electrointensivas) poñen en cuestión a continuidade da actividade industrial no país.

Comentarios