A inflación sobe até 2,6% en agosto polo encarecemento dos carburantes

O dato adiantado do IPC indica unha repunta xeral por segundo mes consecutivo. A inflación subxacente modñerase até 6,1%.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O prezo dos carburantes alentou a suba da inflación. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou un 0,5% en agosto en relación ao mes anterior e elevou tres décimas a súa taxa interanual, até 2,6%, debido, principalmente, á suba dos prezos dos carburantes e dos combustíbeis líquidos.

Co avance de agosto, a inflación encadea dous meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo subise catro décimas, ata o 2,3%, segundo os datos avanzados publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Fronte ao encarecemento dos carburantes e dos combustibles líquidos, o INE destaca que os prezos da electricidade subiron en agosto deste ano menos do que o fixeron no mesmo mes de 2022.

Inflación subxacente

O organismo incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en agosto baixou unha décima, ata o 6,1%, situándose 3,5 puntos por encima do IPC xeral.

O Ministerio de Asuntos Económicos destacou nun comunicado que o dato adiantado do IPC "consolida" o Estado español "como un dos países da zona euro cunha menor inflación", tras baixala perto de oito puntos no último ano.

"Isto favorece a competitividade das empresas españolas, a ganancia de cota de mercado e o aumento do poder adquisitivo dos salarios", subliñou o Departamento que dirixe, en funcións, Nadia Calviño.

Segundo Economía, as medidas de política económica aplicadas no Estado fan que o país teña "un dos maiores niveis de crecemento económico con menores niveis de inflación" dentro da Unión Europea.

O IPC sobe 0,5% no mes

En termos mensuais (agosto sobre xullo), o IPC rexistrou un aumento de 0,5%, tres décimas máis do que subiu o mes anterior. Con esta repunta, a inflación encadea tres meses consecutivos de alzas mensuais.

No oitavo mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual no 2,4%, tres décimas por encima da taxa rexistrada o mes anterior.

Por outra parte, a variación mensual estimada do IPCA foi de 0,5%.

O INE publicará os datos definitivos do IPC de agosto o próximo 12 de setembro.

Comentarios