Vivenda

O prezo do aluguer na Galiza aumentou 8,1% en novembro, máis que a media estatal

A respecto dos prezos do aluguer, Galiza posiciónase por encima da media estatal, que quedou en 6,1%.
Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).
photo_camera Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).

O prezo da vivenda de aluguer na Galiza subiu 8,1% en novembro con respecto ao mesmo mes de 2022, cun custo medio de 8,52 euros o metro cadrado ao mes, segundo datos do Índice Inmobiliario Fotocasa.

Desta maneira, Galiza posiciónase por encima da media estatal, que quedou en 6,1%. A variación mensual foi de 0,9% respecto a outubro no país.

Na zona noroeste do país o prezo do aluguer subiu 9,8% no último ano e baixou 0,5% respecto a outubro, con 8,55 euros o metro cadrado. Na zona suroeste, este custo subiu 8% desde novembro de 2022 e 3% desde o mes pasado, até 9,58 euros o metro.

Pola súa parte, na zona sueste o prezo quedou en 6,55 euros o metro cadrado, incrementándose 0,5% no último mes e 3,1% no último ano. O nordeste foi o único territorio onde caeu o prezo do aluguer, baixando 2,1% desde novembro de 2022, aínda que subindo 0,2% entre outubro e novembro deste ano.

Datos estatais

A nivel estatal, o prezo medio dunha vivenda en aluguer subiu 6,1% nos últimos 12 meses e 2% entre outubro e novembro, até 11,45 euros o metro cadrado.

"O prezo do aluguer continúa con subas significativas a nivel estatal, aínda que non tan avultadas como no primeiro semestre do ano que chegaron a máximos históricos. Precisamente, tras tocar teito, o prezo podería estar a buscar unha estabilización", apuntou a directora de Estudos e portavoz de Fotocasa, María Matos.

Matos engadiu que nas autonomías máis tensionadas, séguense mostrando incrementos "moi avultados", de dous díxitos, e algunhas cidades alcanzan de novo prezos máximos históricos.

"A problemática de desequilibrio entre a escasa oferta e a alta demanda empuxa o prezo á alza sen deixar que se modere. Ante un mercado cada vez menos dinámico, máis compacto e de moi difícil acceso, as desigualdades e vulnerabilidades dos cidadáns con rendas máis baixas quedan ao descuberto, ao ser expulsados do mercado, por non poder facer fronte a estes prezos", asegurou.

Se se analizan os prezos do aluguer respecto a os de hai un ano, obsérvase que todas as comunidades incrementan o prezo interanual en novembro.

Comentarios