Vivenda

Alugar na Galiza, cada vez máis difícil: necesítanse xa 12% máis ingresos que para unha hipoteca

22.719,25 euros netos anuais son os ingresos que unha persoa debe ter para alugar unha vivenda de dous dormitorios e non superar con isto o limiar de 30% dos ingresos totais recomendado para destinar a vivenda.
#aluguer #alugueiro #vivenda #piso #casa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Cartaz anunciando un piso dispoñíbel para alugar. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O encarecemento do prezo provoca que os ingresos necesarios para alugar unha vivenda de dous dormitorios e non superar con iso o limiar de 30% da renda recomendado —para destinar a vivenda— ascenda até os 22.719,25 euros netos anuais na Galiza, o que representa 12% máis que o destinado ao pagamento mensual de hipoteca (20.252 euros).

Segundo un estudo de Idealista, Lugo é a provincia galega que presenta maior diferenza entre os ingresos medios para custear o alugueiro sen destinar máis de 30% do total (20.152 euros) e para a compra (15.726 euros): 28% máis que no caso das hipotecas. En segundo lugar fica Ourense, cunha diferenza de 20%. En cambio, esa diferenza redúcese a 9% en Pontevedra e a só 1% na Coruña.

Os ingresos familiares netos necesarios para alugar unha vivenda son, con todo, até 46% máis altos que os que se necesitan para comprala no resto do Estado español. Do informe conclúese que os ingresos necesarios para alugar unha vivenda de dous dormitorios e non superar o limiar de 30% dos ingresos que se recomenda sitúase nos 31.550 euros netos anuais na media estatal, 46% máis que o necesario para a cota hipotecaria no caso de comprar a mesma vivenda, que se sitúa en 21.561 euros netos, ao que habería que engadir uns aforros mínimos de 43.467 euros.

Entre os grandes mercados, o da cidade de València é o que rexistra unha maior diferenza entre os ingresos netos necesarios para o alugueiro e a compra, xa que se sitúa en 56%. Séguena Barcelona (39%), Sevilla (33%), Bilbao (32%), Madrid (24%) e Málaga (15%).

En Donostia e Palma de Mallorca a renda familiar imprescindíbel para alugar é máis baixa que para a compra: 12% máis baixa no primeiro caso e 10% no segundo. A única cidade na que se repite este fenómeno é Granada (-3%). A maior distancia dáse en Huelva, onde a diferenza alcanza o 81%. A continuación atópanse Lleida (77%), Xaén (71%) e Murcia (66%).

Barcelona é a cidade onde se exixen uns ingresos netos máis elevados para acceder a unha vivenda arrendada: 59.125 euros netos. No lado oposto está Cidade Real, con 17.840 euros netos de ingresos para alugar unha vivenda de dous dormitorios.

No que respecta aos ingresos necesarios para comprar, sen incluír os aforros necesarios para facer fronte ao 20% de entrada e o 10% de gastos, Palma é a cidade máis cara, con 56.652 euros netos. Do lado contrario, a máis barata é Xaén, con 11.873 euros.

E a cidade na que a cantidade de aforro que é necesario achegar é máis alta é Palma, xa que alcanza os 114.211 euros para unha vivenda de dúas habitacións, seguida por Donostia con 108.817 euros. Por baixo dos 100.000 euros de aforro atópanse as cidades de Barcelona (85.595 euros), Madrid (82.951 euros) e Málaga (65.124 euros). Pola súa parte, Xaén é onde menos aforros son necesarios (23.936 euros), seguida por Huelva (25.501 euros) e Palencia (26.309 euros).

"Este informe volve pór de manifesto o perverso efecto da Lei de Vivenda no mercado inmobiliario, que, ao reducir a oferta do alugueiro, dificultou o acceso á vivenda non só en alugueiro, senón tamén en venda", defendeu o portavoz de Idealista, Francisco Iñareta.

Comentarios