Vivenda

Freo aos pisos turísticos: así poden prohibilos as comunidades de veciños

O Supremo avala o veto aos apartamentos destinados ao turismo nos edificios nos que as comunidades se opoñan nos seus estatutos.
Un cadeado con chaves na fiestra dunha vivenda turística. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un cadeado con chaves na fiestra dunha vivenda turística. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Supremo avala que se veten os apartamentos turísticos nas comunidades de propietarios nas que se prohibe expresamente nos seus estatutos que as vivendas se utilicen para exercer unha actividade económica. Os maxistrados concluíron, en senllos autos difundidos esta terza feira, que o alugueiro de vivendas para uso turístico é unha actividade económica, polo que deron a razón a dúas comunidades de propietarios demandantes, unha en Donostia (Euskadi) e outra en Oviedo (Asturias). Tamén ordenaron o cesamento da actividade de alugueiro turístico en varios pisos.

Nas dúas sentenzas, a Sala do Civil aclarou que non se trata en ningún dos casos examinados de aplicar a nova regulación da Lei de Propiedade Horizontal —que dispón que o acordo polo que se limite ou condicione o exercicio desta actividade requirirá o voto favorábel das tres quintas partes do total dos propietarios—, senón de determinar se nos estatutos comunitarios existe unha prohibición de destinar os pisos ao uso turístico.

No caso do edificio de Oviedo, o tribunal explicou que se se aplican os estatutos sociais hai unha prohibición —cuxa validez non se discute— pola cal nos pisos independentes do edificio non poderán exercerse actividades profesionais, empresariais, mercantís ou comerciais de ningún tipo; reservándose o seu uso ao de carácter exclusivamente residencial.

Limitacións "claras"

Respecto ao caso de Donostia, os maxistrados recalcaron que "o alugueiro de vivendas para uso turístico é unha actividade incluída na prohibición estatutaria". Trátase, pois, dunha actividade económica equiparábel ás que se enumeran na norma quinta dos Estatutos, "caracterizadas todas elas por seren usos distintos do de vivenda e nos que concorre un compoñente comercial, profesional ou empresarial".

Neste sentido, o tribunal lembrou que a normativa sectorial turística aplicábel resalta "expresamente" a diferenza con que se contempla a comercialización de estancias turísticas en vivendas, aloxamentos de curta duración ou as ofertadas para uso vacacional, co arrendamento de vivenda. O Supremo concluíu que esta interpretación é conforme coa xurisprudencia da Sala no relativo a que "as limitacións teñen que ser claras, precisas e expresas".

Ao seu xuízo, "a inclusión da actividade turística na prohibición estatutaria é perfectamente coherente coa súa letra e espírito, que non é outra que prohibir que nas vivendas se exercite unha actividade económica cun carácter comercial, profesional ou empresarial como sucede cos apartamentos turísticos".

Comentarios