Vivenda

O prezo da vivenda de nova construción aumenta na Galiza 4,4%

O tempo de espera para vender sitúase en 21 semanas no país, fronte ás 16 de media estatal. A Coruña, Baiona e Santiago de Compostela son os municipios coa vivenda máis cara por metro cadrado.
Un edificio en construción na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un edificio en construción na Galiza. (Foto: Europa Press)

O prezo da vivenda nova incrementou por encima de 4% nas cinco no norte peninsular, cun aumento no caso da Galiza de 4,4%, segundo un estudo da Sociedade de Taxación.

En concreto, indica que Euskadi encabeza o incremento interanual en xuño do prezo da vivenda nova na franxa norte (6,3%), por diante de Nafarroa (6%), Cantabria (5,6%), Asturias (5,4%).

Por cidades, Donostia lidera o aumento do prezo na franxa norte (7,2%) por diante de Bilbao (6,6%); Pamplona (6%); Santander (5,6%) e A Coruña (5,3%).

No lado oposto, as tres que presentan os prezos máis baixos no norte atópanse na Galiza: Pontevedra (1.456 euros/metro cadrado), Lugo (1.575 euros/metro cadrado) e Ourense (1.699 euros/metro cadrado).

Por outra parte, segundo un informe da compañía de servizos inmobiliarios Housell, a compravenda de vivendas na Galiza comezou o verán cunha caída de 29% respecto ao ano pasado.

O tempo de espera para vender sitúase en 21 semanas no país, fronte ás 16 de media estatal. A Coruña, Baiona e Santiago de Compostela son os municipios coa vivenda máis cara por metro cadrado.

Aluguer

Ademais, esta terza feira, Fotocasa fixo público un informe segundo o cal Galiza se sitúa entre os territorios que alcanzaron o prezo máximo no mercado do aluguer, xunto con Balears, Canarias, Cantabria, Castela e León, Catalunya, o País Valencià, Estremadura, Madrid, Euskadi e Murcia.

Así mesmo, na Galiza o prezo da vivenda usada mantívose sen mudanzas durante o mes de xullo, segundo Idealista.

A nivel estatal, o prezo do metro cadrado da vivenda usada situouse en 2.071 euros en xullo, 7,17% máis caro que no mesmo mes de 2022, cando alcanzou os 1.932 euros, segundo os datos publicados esta terza feira no informe mensual de prezos de venda de pisos.com.

Comentarios