O prezo dos alimentos encareceu 13,3% en setembro respecto a hai un ano

O incremento de prezos na Galiza foi en setembro de 9,2% con respecto ao mesmo mes de 2021, tres décimas por riba da cifra do conxunto do Estado español. O custo dos alimentos incrementouse en 13,3%.
Evolución do IPC interanual dos alimentos no Estado español en setembro de 2022. (Infografía: Nós Diario / Fonte: INE)
photo_camera Evolución do IPC interanual dos alimentos no Estado español en setembro de 2022. (Infografía: Nós Diario / Fonte: INE)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta sexta feira o Índice de Prezos de Consumo (IPC) do mes de setembro, que quedou na Galiza en 9,2%, 1,8 puntos porcentuais menos que o dato do mes de agosto e 2,3 puntos menos que en xullo, cando se alcanzou 11,5%, a cifra máis alta desde o ano 1984.

A inflación medrou na Galiza tres décimas porcentuais máis que a media do Estado español, de 8,9%, onde baixou en 1,6 puntos porcentuais respecto ao dato do mes de agosto e 1,9 puntos menos que en xullo, cando se alcanzou 10,8%, máximo desde 1984.

A inflación interanual na Galiza estivo motivada en setembro principalmente polo prezo de vivenda, auga electricidade, gas e outros combustíbeis (17,3%), seguida de alimentos e bebidas non alcohólicas (13,3%), de transporte (10,1%) e de hoteis, cafés e restaurantes (9,1%). Pola súa parte, tan só baixaron os prezos nos apartados de ensinanza (-1,8%) e comunicacións (-2,5%).

No que vai de ano, o país rexistra un incremento de 5,7% no IPC. Por outra parte, na comparación mensual, o descenso da inflación en setembro con respecto ao mes de agosto foi de 0,8%. En termos mensuais, hai unha baixada xeneralizada, liderada polo descenso dos prezos en vivenda, auga electricidade, gas e outros combustíbeis (-5,7%). Na outra cara da moeda está o vestido e o calzado, que sobe 2,2%.

Porén, ao analizar a evolución dos prezos ao longo do ano, é precisamente vestido e calzado o que máis baixa (-10,6%), sendo alimentos e bebidas non alcohólicas o apartado que lidera a suba (10,6%), seguido de restaurantes e hoteis (9,1%).

Os aceites que non son de oliva, os que máis soben

Segundo os datos ofrecidos polo INE, neste caso tan só a nivel estatal, os aceites comestíbeis que non son de oliva son os produtos que máis incrementaron o seu prezo no que vai de ano (62,1%). A porcentaxe de suba é aínda maior ao comparar o seu prezo en setembro con respecto ao mesmo mes de 2021 (65,9%). Unha suba que contrasta coa dos aceites de oliva, que foi de 12,3% no que vai de ano e de 14,1% en termos interanuais.

Por outra parte, os produtos que máis subiron con respecto a setembro de 2021 foron os combustíbeis líquidos, até 72,7%, cunha variación no que vai de ano de 56,9%. Volvendo aos alimentos, é relevante a suba das fariñas e do resto de cereais, que subiron en termos interanuais 39,4%. Tamén o do leite, que subiu 25,4% en comparación con setembro de 2021.

Todas as carnes acumulan aumentos de prezo interanuais. A que máis, a de ave (18,1%), seguida da de vacún (14,7%), da de ovino e caprino (11,5%), e da de porcino (11,2%). O resto de carnes tamén encareceron (14,1%), así como os despoxos (7,6%), a carne seca, salgada ou afumada (7,9%) e outros preparados de carne (13,4%).

O peixe fresco ou refrixerado mantén o seu prezo no que vai de ano (+0,1%), aínda que sobe en termos interanuais (10,5%). O peixe conxelado encareceu  11,7% con respecto a setembro de 2021. No caso do marisco, subiu en termos interanuais o fresco ou refrixerado (9,4%) e o conxelado (8,5%). 
Ademais, o peixe e marisco seco, afumado ou salgado encareceu  12,5%, e outros preparados de peixe e marisco tiveron unha alza de 12,8%. 
Con respecto a setembro de 2021, destaca a suba da manteiga (33%) e dos ovos (23,6%). Tamén encareceron as patacas (16,4%), outros legumes e hortalizas (17,9%), as froitas (12,3%) e o arroz (13,2%).

Cada vez é máis caro manter unha dieta sa

Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), en declaracións a Nós Diario, salientou que "segue a haber un desfase moi importante entre a evolución da renda e a dos produtos que compoñen o cesto da compra, especialmente os que podemos considerar básicos desde o punto de vista da alimentación e aqueles necesarios para manter unha dieta sa e equilibrada, da que se nos fala tanto, mais que dificilmente se pode manter cuns prezos prohibitivos".

Comentarios