O IPC situouse na Galiza en 9,2% en setembro, co prezo dos alimentos outra vez en máximos

O dato do Estado español (8,9%) é tres décimas porcentuais inferior ao galego.
Forno de pan. (Foto: Europa Press)
photo_camera Forno de pan. (Foto: Europa Press)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta sexta feira o Índice de Prezos de Consumo  (IPC) do mes de setembro, que quedou en 8,9%, 1,6 puntos porcentuais menos que o dato do mes de agosto e 1,9 puntos menos que en xullo, cando se alcanzou 10,8%, máximo desde 1984.

Na Galiza, a inflación ascendeu en setembro até 9,2%, 3 décimas porcentuais máis que a media do Estado español. Porén, con respecto ao mesmo dato de agosto, o país presentou en setembro unha baixada de 1,8 puntos porcentuais.

A inflación na Galiza estivo motivada en setembro principalmente polo prezo da vivenda (+17,3%), seguida de alimentos e bebidas non alcohólicas (+13,3%) e hoteis, cafés e restaurantes (+9,1%).

Desta maneira, no que vai de ano, o país rexistra un incremento de 5,7% no índice de prezos de consumo.

Moderación do IPC

Nesta moderación do IPC, segundo o INE, xogou un papel moi importante a baixada de prezos da electricidade e dos combustíbeis. Porén, o prezo dos alimentos mantívose un mes máis, no máximo histórico, ao volver subir.

Así, o IPC dos alimentos situouse en 14,4%, a cifra máis alta desde 1994, cando se comezaron a recoller estes datos. Entre os produtos específicos cunha maior variación positiva, destaca a carne , os legumes, o leite e os ovos.

En canto á inflación subxacente -que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos-, situouse en setembro en 6,2%, dúas décimas porcentuais menos que no mes anterior.

Comentarios