venres 24/09/21

O presidente do PP local recoñece que "a prórroga de Ence está mal dada"

O representante dos populares de Pontevedra, Rafael Domínguez, afirmou esta terza feira que o tempo extra na localización actual concedido polo Goberno español de Mariano Raxoi está "mal dado", como avala a anulación do mesmo pola Audiencia Nacional.
O presidente do PP local de Pontevedra, Rafael Domínguez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PP) #pp #pontevedra #rafaeldomínguez #ence
O presidente do PP local de Pontevedra, Rafael Domínguez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PP)

O presidente do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez, vén de recoñecer esta terza feira que a prórroga que o Goberno español de Mariano Raxoi concedeu a Ence para permanecer máis tempo en Lourizán "está mal dada". Para iso aludiu á anulación que fixo deste tempo extra a Audiencia Nacional.

"Se a prórroga estivese ben feita non tería unha sentenza en contra", asegurou o mandatario local do PP. "A prórroga está mal dada, claro que si. Todos os que fixeron no Partido Popular esa prórroga fixérono mal", insistiu

"Máis claro non podo ser", engadiu Domínguez, que a pesar de todo insistiu en sinalar ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), como o "máximo responsábel" de que o proxecto industrial de Ence na cidade estea "morto".

Malia considerar que houbo un erro por parte do PP español, o político reiterou o seu discurso sobre a culpabilidade do actual Goberno municipal porque a sentenza está "motivada" polo recurso presentado polo Concello e, por iso, sen el "cincocentas familias non se irían ao paro" co fechamento da factoría.

Domínguez considerou, con todo, que "se hai vontade política" pódese buscar "unha fórmula político-xurídica" para amparar a continuidade da pasteira na ría de Pontevedra creando un "marco legal".

En caso contrario, entende que será a cidade de Pontevedra "a que perda" porque considera que "a fábrica se fechará e non se van a recuperar os terreos", como se está a ver co "caso de Elnosa".

O popular secundou as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sobre o bo recibimento a unha segunda industria deste tipo na Galiza. "Parece que é unha contradición", considerou, posto que o seu partido defende que o traslado de Ence non é posible ao carecer o país de terreos adecuados para construír unha planta nova. "Dinme que a segunda pasteira non ten as necesidades de auga que ten Ence, pero eu non o sei", matizou.

comentarios