Fernández Lores: "A prórroga de Ence foi un fracaso estrepitoso de Raxoi e de Feixoo"

Houbo alegría no consistorio de Pontevedra, recoñece o alcalde Miguel Lores, cando a Audiencia Nacional deu a razón a pasada semana ao recurso presentado polo Concello contra a prórroga de 60 anos que o Goberno en funcións de Raxoi deu a Ence para manterse en Lourizán até 2073, cando a licenza remataba en 2018.
O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999
photo_camera O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999

Confiaba en que a Audiencia Nacional (AN) estimase o recurso do Concello de Pontevedra contra a prórroga a Ence?

Estábamos convencidos de que os argumentos xurídicos do Concello eran contundentes. Hai máis dunha sentenza do Tribunal Supremo (TS) que define claramente cales son as actividades que se poden permitir en instalacións situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre. Esas sentenzas xeran xurisprudencia e din claramente o que se pode permitir nesas zonas: actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non se poidan situar noutro lugar, mais nunca por razóns de interese ou conivencia, senón pola súa vinculación co dominio público. Isto é absolutamente contundente e unha das conclusións que deita esta sentenza da AN é que Ence non xustificou que era imprescindíbel a súa situación en terreo marítimo-terrestre para seguir producindo. Por unha cuestión fundamental: hai oito celulosas no Estado e fsó a de Pontevedra está en terreo de dominio público marítimo-terrestre.

Ence anunciou que recorrerá ao Supremo. Que fará se o TS resolve a favor da empresa?

Recorreríamos, mais como vimos, a AN utilizou a xurisprudencia do propio Supremo para dicir que non hai lugar á prórroga porque non leva a cabo actividade propia de zona marítimo-terrestre. A sentenza é contundente e ten poucos visos de que se poida admitir a trámite o recurso de casación. Ence non é capaz de xustificar que só podían producir en Lourizán. De feito, nin a toma de auga que empregan está nas instalacións, fica a 11 quilómetros.

A sexta feira, ao saír a sentenza que anula a prórroga, a Xunta dixo que era "un día triste".

Isto foi un fracaso estrepitoso de Mariano Raxoi como presidente en funcións en tempo de desconto, que foi quen concedeu en 2016 a prórroga de 60 anos, unha prórroga ilegal, como quedou demostrado por esta sentenza. Tamén é un fracaso de Núñez Feixoo, porque sempre avalou a permanencia de Ence e firmou un convenio desde a Xunta para non cobrar á empresa o canon de saneamento. Ence tería que pagar entre sete e dez millóns de euros, ao igual que pagamos todas e todos os galegos, mesmo os Concellos. Porén, a empresa, que emprega 12 millóns de metros cúbicos, está pagando 900.000 euros cando o Concello de Pontevedra, empregando 4 millóns de metros cúbicos, paga 2,5 millóns de euros. A Xunta, pois, tenlle subvencionado a Ence case o 95% do canon da auga.

E que acontece con eses cartos que a empresa non aboa?

A Xunta chegou con Ence a un acordo para que eses cartos que non paga polo canon da auga vaian para realizar obras hidráulicas, a pesar de que non fixeron ningunha. Ademais, a empresa tamén reparte eses cartos que non paga da auga entre asociacións, ONG, clubs... Invisten así até tres millóns de euros anuais para comprar vontades. Recordo cando tivemos unha relación co consello de administración de Caixa Galicia, dicíannos que era máis fácil comprar vontades para mudar a opinión pública que facer o traslado da fábrica. E a iso dedicaron os esforzos, en vez de pagar o que tiñan que pagar por ocupar o terreo e polo canon da auga.

Que pasará co emprego?

Estes cambalaches do PP coa empresa poñen en perigo os postos de traballo. Hai un sector do persoal, de CCOO maioritariamente, que defende que Ence estea situada en Lourizán si ou si. Mais logo está o comité de empresa da fábrica, que ten moi claro, e así llo dixeron ao Ministerio, que queren seguir producindo e manter os postos de traballo, e se isto non pode ser na situación actual piden que se busquen alternativas á actual localización. E iso é o que debería ter feito a Xunta, xa que é a responsábel da ordenación do territorio e ten as competencias industriais.

A Xunta ten todas as responsabilidades, mais coa súa deixadez de funcións perdeu un tempo moi importante para buscar outro emprazamento.

A empresa e o PP sabían que 2018 era a data límite para manterse en Lourizán pola licenza que tiñan e pola lei de costas, e que a partir de aí tiñan que desmantelar as instalacións.

Agora, supoño que unha vez que se lles mandou unha mensaxe tan contundente [coa sentenza da AN] de que non poden seguir na ría, supoño que buscarán alternativas para outra situación, xa que o eucalipto galego é moi gorentoso. Por iso non creo que teñan a idea de marchar da Galiza. E aí quen ten que mollarse é Feixoo e deixar de enganar as e os cidadáns e os traballadores dicindo que é posíbel continuar na ría.

Debería estar feita xa outra instalación industrial, nun lugar conveniente e que non afecte a contorna nin o medio. É que non hai postos de traballo, nin dinamismo económico nin futuro se non se respecta o medio e o planeta. Presumen de axenda 2030 e de loita contra o cambio climático mentres fan ocupacións sistemáticas de zonas de alta calidade ambiental. Se queremos futuro para este país e para o mundo hai que empezar a actuar respectando a natureza.

Recuperar Lourizán para o uso público, produtivo e ambiental

O rexedor da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, amósase "satisfeito" pola "contundencia e claridade" da resolución da Audiencia Nacional contra a prórroga de 60 anos a Ence. Ademais de supor a saída da pasteira de Lourizán (Pontevedra), a sentenza pon valor "o rigoroso" recurso presentado polo Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG desde o ano 1999. Falando sobre o futuro de Lourizán, Lores sinala que o que se pode facer nese espazo "é o que se permite nos terreos de dominio público marítimo-terrestre", e pon como exemplos recuperar a zona para praias, cultivos mariños ou usos que teñan que ver coa ría, "polo que non pode haber especulación". Aposta pois por "devolver o terreo ao seu estado natural e o resto dedicalo a usos públicos e non aos intereses de empresas".

Comentarios