Sindicatos non asisten á xuntanza coa Consellería de Traballo polo ERE encuberto

CIG, UGT, CCOO e CSIF veñen de darlle prantón de novo a Consellería de Traballo e Benestar por mor da proposta e RPT na que se inclúen despidos e amortizacións de prazas ocupadas por persoal da Xunta. As centrais exixen a Beatriz Mato a retirada do proxecto
Beatriz Mato, PP A Coruña
photo_camera

As catro organizacións sindicais consideran que o Goberno de Núez Feijóo míntelle ás e aos empregados públicos e ao resto da cidadanía, "pois afirmou que non habería despidos na administración autonómica, e coa proposta da Consellería de Traballo establecese un precedente que de non frealo a tempo, suporá o camiño aberto para outras consellerías fagan o mesmo". Aliás, denuncian as centrais que o procedemento seguido polo departamento que dirixe Beatriz Mato incumpre a normativa laboral vixente, "pois aplican un ERE encuberto para xustificar e abaratar os custes destes despedimentos".

Os sindicatos tamén pediron unha xuntanza urxente co vicepresidente da Xunta de Galicia, para que interveña e dea explicacións sobre este novo incumprimento do Goberno Autonómico.

Cómpre lembrar que a Consellería de Traballo anunciou hai varios días que vai poñer en marcha un ERE alegando "insuficiencia orzamentaria como causa económica de despido colectivo, acolléndose ao RD 1483/2012, que regula os despedimentos colectivos". Fontes das propias centrais sindicais falan de que en base á documentación remitida pola propia administración ese ERE eliminaranse 251 postos de traballo, abrindo a porta a máis despedimentos."Acóllese á insuficiencia orzamentaria sobrevida como causa obxectiva dos despedimentos", denuncian desde a CIG-Autonómica.

Comentarios