Povisa retoma as mobilizacións perante as presións do hospital @s traballador@s

O comité de empresa do hospital de Vigo iniciará de novo as concentracións perante o complexo após as presións exercidas desde a dirección de Povisa a algunhas das traballadoras que secundaron a folga indefinida desenvolvida o pasado mes de agosto.

O plantel de traballador@s do hospital Povisa retomarán as mobilizacións esta semana. Após desconvocaren a folga indefinida iniciada o pasado mes de agosto logo de que unha sentenza xudicial fallase no seu favor e obrigase á dirección do centro a manter en vixencia o convenio colectivo, traballador@s do hospital denunciaron presións por parte de Povisa sobre algunhas das persoas que tomaran parte da greve. 

A dirección do hospital non retomou as negociacións do novo convenio após desconvocaren a folga 

Neste senso, desde a CIG denunciaron que “a directora de Enfermería está a chamar as traballadoras/es de xeito individual para asegurarlles que pase o que pase co recurso xudicial á sentenza non van volver á xornada laboral de 40 horas semanais e pídelles que asinen por 35 horas”. Así, máis dun cento de traballador@s viron reducida a súa xornada laboral. 

Aliás, o xefe de Radioloxía reunise a todos os integrantes do seu servizo “para darlles un mitin sobre a folga e as súas consecuencias e para deixarlles moi claro que van premiar ás persoas" que tomaron parte da loita, aseguran desde o comité de empresa. 

Responsábeis do centro médico presionan @s traballador@s para asinaren reducións na xornada laboral

Perante esta situación e a negativa da dirección de Povisa de retomar as negociacións do novo convenio colectivo, a CIG anunciou que retomarán as concentracións semanais fronte ao centro médico; a desenvolver cada quinta feira ás 16.00 horas. Asemade, desenvolverán unha vez á semana asembleas coas traballadoras e traballadores para os informar da nova situación. 

Recollida de alimentos para as familias sen recursos de Vigo
Para alén das mobilizacións, o comité de empresa acordou desenvolver unha romaría solidaria o vindeiro 5 de outubro no Parque de Castrelos.

A iniciativa, que incluirá xogos populares e actuacións musicais, recollerá fondos e alimentos para a Asociación Freixeiro de Axuda aos Necesitados (Afan) que presta servizo a medio milleiro de familias sen recursos. Afan perdeu boa parte das axudas públicas que percibía e denuncia a escaseza de recursos cos que conta para facer fronte a cada vez máis persoas. 

Os fondos obtidos tamén se repartirán entre @s traballador@s que participaron na folga. 

Comentarios