A potencia hidráulica en tramitación na Galiza suma 3.095 MW

O Goberno do Estado autoriza unha central a Iberdrola con 900 MW.

Encoro Cenza
photo_camera O encoro de Cenza, no municipio de Vilariño de Conso, na comarca de Viana. (Foto:Wikiloc).

O Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) vén de autorizar a Iberdrola a posta en marcha dunha central hidráulica de bombeo no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana, cunha potencia total de 900 megawatts (MW). O proxecto é o primeiro aprobado polo Goberno estatal dun total de oito, que ampliaría en 82,7% a potencia hidráulica actual, até sumar 3.095 MW máis.

Unha vez entre en funcionamento a nova central hidráulica de Vilariño de Conso, Iberdrola pasará a contar na Galiza con 2.488 MW e 14 encoros. O proxecto, que reforza a posición da compañía con sede en Bilbo (Euskadi) como primeiro operador hidráulico do país, vai unir cun dispositivo de bombeo os encoros de Cenza e O Bao, no concello de Vilariño de Conso, que suman actualmente 481 MW e fan deste municipio o segundo con máis potencia instalada da Galiza.

As consecuencias do desenvolvemento hidráulico en Vilariño de Conso están á vista. O concello perdeu 1.152 habitantes desde a edificación da primeira central hidráulica en 1975, rexistrando 505 residentes en 2022 e cunha renda media da poboación de 8.440 euros anuais. Os ingresos dos residentes nesta localidade son 6.121 euros inferiores á media da provincia e 7.423 euros inferiores á renda media galega, situándose no penúltimo posto de Ourense, só por diante de Parada de Sil (Terra de Caldelas).

Empresas de fóra

A práctica totalidade dos proxectos de hidráulica de bombeo están en mans de empresas con sede social fóra da Galiza. A andaluza Magtel impulsa dúas centrais cunha potencia conxunta de 410 MW, unha delas nos concellos da Veiga e do Bolo (Valdeorras), e a segunda nas Pontes (Eume).

Feroe Ventures & Investments, vinculada ao fondo Sixth Street Partners e Ithaka, proxecta unha instalación cunha potencia de 400 MW en Mazaricos (Xallas). O grupo andaluz San Isidro Solar solicitou permisos para unha central de 260 MW en Castrelo de Miño, (O Ribeiro) e a madrileña Capital Energy pelexa con Tasga por 339 MW nunha central sobre o río Tambre, na parroquia de Cornada, en Brión (comarca de Compostela).

Por último, a galega Tasga tramita diante do Ministerio a autorización para construír unha central hidroeléctrica de 352 MW en Cerceda (comarca de Ordes).

A potencia instalada

A potencia hidráulica instalada na Galiza é actualmente de 3.738 MW, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado español. No caso de seren aprobados os sete proxectos de centrais de bombeo actualmente en tramitación, o total alcanzaría 6.833 MW. Porén, algunha destas iniciativas, como a de Cornada, en Brión, ou a de Castrelo de Miño enfrontan a oposición popular.

A autorización das centrais de bombeo son competencia do Goberno do Estado, mais no trámite da aprobación é chave a decisión da Xunta da Galiza. Neste sentido, PP e PSdeG aprobaron en setembro de 2022 “declarar de interese público superior as centrais hidroeléctricas reversíbeis, como activos de almacenamento enerxético”, mudando a normativa anterior que estabelecía “non outorgar novos aproveitamentos hidroeléctricos agás repotenciacións, sempre que se manteña o mesmo vaso e non se altere o caudal”.

Comentarios