A febre hidroeléctrica volve a Galiza

Máis de 2.500 megawatts en tramitación en proxectos de grande hidráulica na Galiza.
lago encrobas
photo_camera Reganosa e EDP apostan por erguen unha central hidroeléctrica no lago das Pontes. (Foto: Nós Diario)

A hidráulica é unha das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera. Se nos últimos anos xa pasaba por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achegaba ás compañías do sector, a alza do prezo da luz anuncia beneficios históricos para finais deste ano. Segundo un traballo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”.

Galiza é unha grande potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. Precisamente, a xeración de orixe hidráulica na Galiza en 2020 foi de 7.917.294 megawatts hora, situándose os beneficios das compañías concesionarias das centrais hidroeléctricas en aproximadamente 268 millóns de euros, ao fixar o megawatt un prezo medio no mercado grosista de 33,96 euros. Porén, 2020 resultou un exercicio negativo en prezo e produción para o sector hidroeléctrico, a diferenza de 2018 onde xeraron 8.555.807 megawatts hora, a un valor no mercado de 57,29 euros o megawatt, superando as ganancias 490 millóns de euros.

As potencialidades hidráulicas do país convérteno nun lugar desexado para as compañías enerxéticas. Isto explica, en boa medida, a nova febre hidroeléctrica que afecta Galiza con numerosos proxectos en marcha, a maior parte dos cales están impulsados por empresas de capital estranxeiro. Sen ir máis lonxe, en só cinco deles, promovidos por Iberdrola, Naturgy, Capital Energy, Magtel e Reganosa-EDP prevense desenvolver 2.400 megawatts de orixe hidráulica, que van afianzar o liderado das compañías foráneas no sector. 

Tanto é así,que Ibedrola, Naturgy e Endesa controlan 81% da produción hidráulica galega, cuxo destino principal son os mercados externos, particularmente o madrileño, cuxos consumos eléctricos están asociados á capacidade de produción da Galiza. 

Capital Energy no lago das Encrobas

A compañía madrileña Capital Energy, propiedade do ex xenro de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas, impulsa unha instalación hidráulica no lago das Encrobas en Cerceda. Segundo se recolle no portal do Ministerio de Transición Enerxética, a mercantil aspira a desenvolver “un proxecto hidroeléctrico reversíbel” entre os concellos de Cerceda e Carral, cunha potencia instalada de 366,46 megawatts e coa intención de empregala como central de almacenamento de enerxía. 

Pola súa banda, Iberdrola traballa nun proxecto para unir os encoros de Cenza e O Bao, no concello de Vilariño de Conso, incrementando a súa capacidade de produción en 900 megawatts.

A andaluza Magtel ten solicitado autorización para erguer un central hidráulica reversíbel cunha potencia de 160 megawatts a carón dos encoros de Prada e Santa Eulalia, situados nos concellos da Veiga e do Bolo. 

A obra implica, en palabras de Adega, “furar o Macico Central” nun “territorio incluído na proposta de ampliación da Rede Natura  que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008”. 

Ao tempo, Naturgy impulsa outra instalación análoga entre as presas das Conchas e de Salas, localizadas nos municipios de Bande e de Muiños, cun investimento de aproximadamente 350 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 340 megawatts.

A galega Reganosa e a portuguesa EDP prevén “situar un almacenamento enerxético cunha potencia instalada de xeración de 570 megawatts” nas Pontes. Segundo a proposta “este almacenamento consistirá nunha central hidroeléctrica de bombeo que empregará como depósito inferior o propio lago, e como superior, un novo encoro que permitirá unha mellor xestión do sistema eléctrico”. Neste caso, a instalación está asociada a un proxecto que tamén inclúe unha planta de hidróxeno de 100 megawatts e novas dotacións eólicas cunha capacidade de xeración de 270 megawatts. Os seus promotores aspiran a beneficiarse das axudas públicas do programa Next Generation para acometer o investimento e contan co apoio do Goberno galego.

Comentarios