Pensionistas saen ás rúas das cidades galegas na defensa do sistema público de pensións

Concentráronse en diversas cidades do país convocados pola CIG. En Vigo ocuparon momentaneamente a sede do INSS.

pensionistas mobilización CIG

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG concentrouse perante as oficinas do INSS de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Vigo -onde ademais ocuparon o edificio- en defensa do sistema público de pensións e para denunciar a “mentira” de que non é viábel. As mobilizacións fan parte da campaña pola recuperación de dereitos laborais que o sindicato nacionalista puxo en andamento a finais de 2015.

Nas mobilizacións desta cuarta feira, 5 de abril, denunciouse o interese de “bancos e do capital financeiro” apoiados polo PP  para promover unha nova reforma do sistema público de pensións que lles facilite “facer negocios coas pensións públicas”. Defenderon que o sistema píblico e viábel, lembrando que o Estado español ten un custe en pensións inferior ao resto da UE, mesmo daqueles que sufriron unha crise máis dura. Así, o Estado español gasta en pensións o 10,5% do Produto Interior Bruto (PIB), Italia gasta o 15,8%; Grecia un 14,3%; Francia o 13,8% e Portugal o 13%.

Comentarios