Parón nos procesos de arbitraxe das preferentes após as eleccións

Colectivos de afectad@s polas participacións preferentes denuncian o importante descenso no procedemento de arbitraxe após os comicios do 21-O. Consideran que esta queda nas tramitacións e laudos amosan que esta vía, apoiada por bancos e Xunta, tiña como finalidade desmobilizar os milleiros de afectados e afectadas pola estafa
Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra
photo_camera Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra

A arbitraxe é a vía apoiada pola Xunta para que afectad@s das participacións preferentes e banca acorden á marxe dos xulgados solucións individuais para cada unha das situacións. Un procedemento que desde o inicio foi mirado con máis que desconfianza por non poucas plataformas de afectad@s, pois consideraban que se tentaba individualizar un problema común a perto de 90.000 galeg@s, buscando a desunión e desmobilización dun colectivo que estaba en pé de guerra. Algo moi perigoso en campaña electoral.

NGB rexeitaba someterse á arbitaxe en tres de cada catro casos

Pasada a cita coas urnas do 21 de outubro, desde varias plataformas denúnciase que se deu un parón nas arbitraxes, cunha queda moi importante na actividade e nos laudos.

Non para tod@s

O número de solicitudes de arbitraxe presentadas pol@s afectad@s das preferentes de NGB sitúanse nas 17.000, unha cifra importante, se temos en conta que o total de clientes da entidade financeira atrapad@s nestas participacións son 45.000. Mais Novagalicia Banco só aceptou someterse á arbitraxe en 4.000 desas 17.000 solicitudes, o que supón o 23,5%, case a cuarta parte das peticións. Así pois, en tres de cada catro solicitudes de arbitraxe o banco non admite someterse ao laudo, polo que estes e estas afectad@s veranse obrigad@ quer a optaren por recorrer á vía xudicial, quer a aceptaren o cambio que se lle propoña no FROB (Fondo de reestruturación ordenada bancaria).

A entidade financeira galega botou man de PriceWaterhouseCoopers (PwC) como asesor á hora de estudar as peticións e solicitudes de arbitraxe. PwC é a empresa de servizos profesionais máis importante do mundo polo seu volume de facturación, que en 2011 superou os 29 mil millóns de dólares. É, canda Deloitte, KPMG e Ernst & Young, unha das firmas que integran as coñecidas como Big Four, as catro grandes que se reparten o mercado de auditorías de entidades financeiras. De feito, unha delas, KPMG, foi a empresa que contratou Núñez Feijóo para que fixese a auditoría e o informe sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Recibiu por ese traballo por volta dun millón de euros e os resultados da auditoría avalaban plenamente a fusión, apuntando mesmo que nun breve período de tempo despois desa unificación, a nova entidade tería beneficios.

Comentarios