O paro de longa duración enquístase en Galiza

Máis da metade das persoas no desemprego levan máis dun ano sen atopar ocupación. Son 118.100. Delas, 30.000 teñen estudos superiores.

Unha de cada dúas persoas que está no desemprego en Galiza cadra no que se denomina “paro de longa duración”, é dicir, leva más de 12 meses sen atopar traballo. O 53% das e dos parados galegos son de longa duración, unha taxa por riba da media europea. Nesta situación están 118.100 das 222.700 persoas que figuran na Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre de 2015.

A taxa de desemprego en Galiza é do 17,7%. Se restrinximos a taxa só ao desemprego de longa duración, esta sería do 9,4% ao encerramento de 2015. En 2009, ano que se adoita sinalar como de inicio da percepción das consecuencias da crise, esa taxa de desempregados de longa duración era do 3,4%, case tres veces menos.

A comezos da crise a taxa de paro de longa duración non chegaba ao 3,5%. Comezamos 2016 cunha taxa do 9,4%, seis puntos máis

Contra os estereotipos

Das 118.100 persoas que non atopan traballo desde hai máis de 12 meses, a inmensa maioría tiña traballado antes (106.400), mentres que 11.700 andan procurando o seu primeiro emprego. Fronte ao que se poida pensar, este paro non atinxe só persoas sen cualificación ou con baixo nivel de estudos. En absoluto, 30.200 deses 118.100 parados de longa duración teñen estudos superiores, por 14.100 que non teñen estudos ou posúen estudos primarios. 49.500 posúen a primeira etapa de estudos secundarios e 24.400 segunda etapa.

Tamén por idades facer unha radiografía deste tipo de desemprego racha con ideas preconcebidas, esas que apontan a que o paro de longa duración é algo que afecta nomeadamente os máis novos e os máis vellos. Desas 118.100 persoas, 20.000 posúen máis de 55 anos e 7.800 entre 16 e 24. Entre 25 e 34 anos hai 24.000 desempregados de longa duración, e entre 35 e 44, 34.000. E 32.000 persoas de entre 45 e 54 anos levan máis de 12 meses sen atopar traballo.

Comentarios