'Paraísos fiscais' aproveitan para investir en Galiza

Empresas e ricos galegos desvían fondos a prazas con 'tributación branda' e reximes fiscais moi favorábeis, non é unha novidade. Mais tamén hai a relación de volta, con esas prazas a investir no noso país. Iso si, con cantidades moito máis modestas.

Evasión fiscal
photo_camera Evasión fiscal

Nos últimos cinco anos @s galeg@s desviaron a paraísos fiscais e prazas das coñecidas como 'de tributación branda' por volta de 165 millóns de euros, segundo dados oficiais fornecidos pola Secretaría de Estado de Comercio e citados por Economía Dixital. E entre estas prazas cun réxime fiscal moi favorábel tamén as hai que pousaron os ollos en Galiza para facer investimentos.

Así, e tal e como sinala ED, máis de sete millóns de euros foron investidos en Galiza procedentes desas zonas, segundo estatísticas da Secretaría de Estado. Quen encabeza, e con diferenza, a listaxe é Panamá (seis millóns de euros). Na actualidade, este pequeno país centroamericano non é considerado xa un paraíso fiscal (a propia OCDE retirou a panamá da súa lista de paraísos fiscais) malia manter moitas ventaxes en tributacións. Á marxe de Panamá, prosegue Economía Dixital, as outras achegas económicas son de menor importancia (Panamá representa investimentos por seis millóns de euros). Estas prazas son Andorra e Emiratos Árabes.

En 2013 o investimento estranxeiro en Galiza foi dos 412 millóns de euros. Mais se desta cifra restamos o que corresponde a Entidades de Tenza de Valores Estranxeiros (ETVE, cartos que pasan por Galiza mais que non permanecen) fica que o investimento produtivo real non chegou a 219 millóns de euros.

Comentarios