Orzamentos do Estado

A oposición critica a “a falta de execución” dunhas contas “antisociais”

Os Orzamentos do Estado son “antisociais” e ademais o Goberno de Mariano Rajoy nin sequera os executa na súa totalidade. Eis a síntese dos posicionamentos das tres forzas da oposición parlamentaria respecto das contas que esta terza feira presentou o ministro de Facenda Cristóbal Montoro.
 

Bancadas da oposición no Parlamento galego. Debate ILP Mesa pola Normalización Lingüística sobre o avanzo do galego no ámbito socio-económico.
photo_camera Bancadas da oposición no Parlamento galego.

“Son uns orzamentos antisociais”, valorou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para quen non responden ás “demandas e expectativas” das galegas e os galegos. As mobilizacións dos pensionistas, por caso, non se ven reflectidas na previsión de gasto do Executivo do PP. A pasada semana, a deputada nacionalista Olalla Rodil expuxera a proposta Bloque a respecto das pensións non contributivas: “Incrementar as non contributivas en cen euros ao mes, para o que só compren 40 millóns dun orzamento de máis de 9.000 millóns”.

Tamén se pronunciou ao respecto o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen salientou a falta de execución orzamentaria de Mariano Rajoy. “Débennos 2.400 millóns, que os poñan no orzamento e a partir de aí, que presenten o que queiran para 2018”, afirmou despois da xunta de portavoces do Parlamento galego, “mais que cumpran os seus propios compromisos”.

Yolanda Díaz, deputada no Congreso da lista de confluencia, falou desde Madrid: “O Estado consolida a redución do investimento en Galicia. O Estado conxela o investimento en Galicia a respecto do 2017 logo de caer 32,9%, ou sexa, perdeu 1 de cada 3€ de investimento en 2017 e agora nos tempos de recuperación económica mantén os peores datos das últimas décadas”.

Por parte do PSdeG, o seu líder no Hórreo, Xaquín Fernández Leiceaga, concidiu con Villares á hora de sinalar os “incumprimentos” do Goberno de Madrid. “Nos últimos anos, o resultado de execución orzamentaria non variou demasiado”, dixo, e criticou, a maiores, que as contas non impliquen a revalorización das pensións co IPC.

Como era previsíbel, os populares galegos si se amosaron satisfeitos co proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. “Inclúen unha compoñente social que beneficiará moitas persoas en Galiza”, afirmou o seu portavoz no Hórreo, Pedro Puy.

Comentarios