mércores 08.04.2020
Economía

O Ministerio de Facenda repartirá os primeiros 1.434 millóns de axudas para os territorios na segunda feira

Correspóndense co primeiro pago da actualización das entregas a conta do sistema de financiamento, 1.434 millóns dos 2.867,08 anunciados polo Goberno do Estado para mellorar a liquidez dos diferentes territorios. 
As ministras María Jesús Montero e Nadia Calviño (Eduardo Parra / Europa Press).
As ministras María Jesús Montero e Nadia Calviño (Eduardo Parra / Europa Press).

O Ministerio de Facenda abonará aos territorios do Estado o primeiro pago da actualización das entregas a conta do sistema de financiamento, 1.434 millóns dos 2.867,08 anunciados para dar liquidez aos diferentes Gobernos territoriais para que fagan fronte á crise do coronavirus. A segunda metade pagarase contra o 17 de abril.

A Galiza lle corresponden un total 221,87 millóns de euros en concepto das entregas a conta neste primeiro pago, que se  abonará na vindeira segunda feira.

O departamento que dirixe María Jesús Montero comunicou esta cuarta feira a todos os territorios canto lle corresponderá a cada un. Todos dispoñen xa de información dos recursos derivados do sistema de financiamento para 2020, un total de 105.802,54 millóns de euros, un 2,9% máis que no ano anterior.

Facenda estuda, ademais, a posibilidade de adiantar aos territorios que o soliciten parte do pago da liquidación do exercicio 2018, que se ten que realizar en 2020 e que, en condicións normais, abónase a metade de ano. Esta cantidade ascende a 10.955 millóns, que tamén se poderían pagar en parte con antelación. Neste sentido, o financiamento total previsto para Galiza neste ano é de 7.937,54 millóns, o que supón un 6,05% máis que en 2019. 

comentarios