O desemprego na Eurozona marca un récord ao rozar o 12%

Grecia e o Estado español, cun 27 e un 26,2% e paro, lideran o desemprego na UE. Máis de 26 millóns de persoas están no paro na Unión Europea

A taxa de desemprego na Eurozona estableceu un novo record, cun 11,9%, segundo os datos que vén de ofrecer Eurostat. Grecia, cun 27% e o Estado español, cun 26,2%, son os que lideran os rexistros de taxas de parad@s. A crise e a recesión están a mergullar a Unión Europea nuns números de desempregados non coñecidos.

Pola súa banda, no conxunto da Unión Europea (UE) a taxa de desemprego aumentou até o 10,8%, cifra que supera en 0,7 pontos porcentuais a do mesmo mes de 2012.

A axencia estatística europea cifra en 26,217 millóns de persoas as que carecían de emprego en xaneiro na zona UE, dos que perto de 19 millóns atopábanse ena zona Euro. Isto implica un aumento mensal de 222.000 parad@s no conxunto da UE e de 201.000 na zona euro.

Galiza

Poroutra banda, o Gabinete Técnico de Economía da CIG vén de presentar a análise da evolución do mercado laboral en Galiza no ano 2012. Os datos son demoledores, indica o sindicato nacionalista: unhas 116 persoas perderon diariamente o posto de traballo; a poboación activa entre os 16 e os 34 anos descendeu en 16.000 persoas; desde que se iniciou a crise, o 66% de todos os postos de traballo destruídos é do sector industrial e da construción, aínda que no último ano, o sector servizos viuse afectado con especial virulencia; 44.500 asalariados perderon o posto de traballo; descendeu fortemente o número de ocupad@s con xornada a tempo completo, e medran os de xornada a tempo parcial. Malia este panorama, a partida que máis descende –nun 40%- nos orzamentos de 2013 é a de promoción de emprego.

Comentarios