O Banco Santander engole Banesto: máis de 1.200 empregos na Galiza, na corda bamba

A entidade que preside Emilio Botín conta con aforrar pola volta de 520 millóns de euros após integrar os servizos centrais das dúas entidades e fechar 700 oficinas en todo o estado. No noso país, os dous bancos xuntan 800 sucursais, máis as dúas que posúe a filial de banca privada Banif, unha na Coruña e outra en Vigo, e que tamén serán dixeridas. Botín non di cantos despedimentos executará, e celebra a operación como "unha oportunidade" para @s traballador@s, pois ao se preveren traslados "poderán iniciar unha carreira profesional internacional"


O Banco Santander engulirá Banesto. O Consello de Administración da entidade que preside Emilio Botín propuxo a fusión por absorción do Banco español de crédito, filial da que controlaba xa o 92%, e de Banif, filial de banca privada da cal Botín posuía xa o 100% das accións.

A absorción suporá o peche de 700 oficinas en todo o Estado español, mais o banqueiro non dixo aínda cantos despedimentos efectuará. Moi ao contrario, dixo que a operación é "moi beneficiosa" para a clientela e para o cadro de persoal, pois poderán "iniciar unha carreira profesional internacional" ao se preveren traslados dentro das sucursais do estado e tamén a algunha das 14 mil que o Santander posúe fóra. O que si adiantou foi que as baixas non afectarán só a Banesto, senón que tamén haberá despedimentos no Santander e en Banif.

Na Galiza, 800 empregad@s traballan nas 146 oficinas que posúe o Banco Santander e 460 fano nalgunha das 134 sucursais de Banesto, entrementres Banif posúe unicamente unha oficina na Coruña e outra en Vigo. Diante destes datos e á falta de que se concreten máis detalles sobre os efectos da fusión no cadro de persoal, o responsábel de CIG-Banca, Clodomiro Montero, manifestou a súa preocupación polas condicións laborais que se imporán, canto aos despedimentos e canto á modificación "á baixa" dos dereitos laborais. Valorou a operación como máis un paso cara a un "oligopolio financeiro en mans de catro ou cinco", pois a operación si reportará beneficios para o grupo cántabro, que prevé uns aforros de 520 millóns após a integración dos servizos centrais e o peche das sucursais.

Os obxectivos serían dous: dunha banda, reducir custos, pois o Santander é o único banco que até o de agora non acometeu ningún plan de reestruturación na súa rede de oficinas; e doutra banda unha operación intragrupo que, á falta de se coñeceren máis detalles, reportaría importantes plusvalías. A intención primeira de Botín era adquirir unha das entidades que foron rescatadas con diñeiro público e que van ser subastadas. Porén, non atopou inversores dispostos a pagar o prezo mínimo que fixado polo banqueiro.

Comentarios