O número de persoas ricas aumentou 20% en só unha década: cantas hai hoxe na Galiza?

Na Galiza hai 8.500 persoas recoñecidas fiscalmente como ricas, unha cifra que supón un aumento considerábel -de 19%- a respecto das que había hai unha década, cando eran 7.200. Este incremento dáse sendo a Galiza un dos territorios cos salarios e as pensións máis baixas do Estado español.
Porto deportivo de Sanxenxo, na comarca do Salnés. (Foto: Sea Galicia)
photo_camera Porto deportivo de Sanxenxo, na comarca do Salnés. (Foto: Sea Galicia)

"E assim se faz Portugal, uns vão bem e outros mal", cantaba Fausto en 1977 na mítica Uns Vão Bem e Outros Mal. Máis de catro décadas despois, e trocando Portugal pola Galiza, o retrouso do canto de intervención luso tamén lle acae á perfección ao territorio galego: hai a quen as cousas van "mal", pensións e salarios baixos; e hai para quen as cousas van"bem". Por exemplo, os as persoas posuidoras de fortunas, que son xa 8.500, o que supón un incremento de case 20% a respecto das que había en 2011, cando eran 7.200.

Hai 8.500 residentes na Galiza que superan o limiar de riqueza, que fixa o rendemento do Imposto sobre o Patrimonio, gravame que pagan, por norma xeral, aquelas contribuíntes cunha carteira de bens superior aos dous millóns de euros. Tamén aumentaron nestes anos as propiedades que posúen. Pasaron de 25.400 millóns de euros a 57.000, o que supón 25% máis durante esta última década. A Galiza sitúase ademais entre as autonomías con maior número de fortunas, só superada pola Comunidade de Madrid.

Política fiscal

Ao tempo, e durante estes últimos anos, as bonificacións fiscais impulsadas pola Xunta da Galiza favorecen as grandes fortunas en detrimento doutros niveis de renda. Neste sentido, o Consello Xeral de Economistas sinalaba en 2023 que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as 
baixas e medias.

A Xunta da Galiza perdoou 2.063 millóns en impostos nas catro últimas anualidades. Segundo os datos da Consellaría de Facenda, estas bonificacións fiscais ficaron en 448 millóns de euros en 2020, en 501 millóns no ano 2021, en 522 millóns en 2022 e terían alcanzado o ano pasado, segundo se estimou no informe económico dos Orzamentos para 2023 da Xunta, 592 millóns.

A contía das exencións tributarias impulsadas pola Administración galega representan 16,3% do orzamento en curso, fixado en 12.620 millóns de euros. As bonificacións fiscais aprobadas pola Xunta non benefician por igual todos os niveis de renda. Así, en 2023 entrou en vigor unha rebaixa no Imposto sobre Patrimonio, tributo cuxa competencia corresponde na súa totalidade á Administración galega. Neste caso, a medida favoreceu 7.646 persoas nese exercicio, cun patrimonio superior a 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual até 300.000 euros, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros. Neste sentido, o Goberno galego estima unha caída na recadación por este concepto de 34 millóns.

A fortuna media de 7.646 galegas e galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o Patrimonio é de seis millóns de euros, practicamente o dobre da media estatal. As millonarias e millonarios galegos ocupan o segundo lugar en canto á riqueza entre os contribuíntes por este gravame no Estado, colocándose a continuación os residentes nas Illes Balears, cun patrimonio de 3,9 millóns.

Comentarios