MAPA INTERACTIVO

Dos 6.143 euros de Negueira de Muñiz aos 22.755 de Oleiros: cal é a renda media por habitante no teu concello?

Nove de cada dez municipios teñen rendas por habitante inferiores á media do país, e os cinco máis ricos están nas comarcas da Coruña e Santiago de Compostela.
Renda por habitante e concello en 2021. (Fonte: IGE)
photo_camera Renda por habitante e concello en 2021. (Fonte: IGE)

Dos 6.143 euros de Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada) aos 22.755 de Oleiros (comarca da Coruña). A renda dispoñíbel bruta por habitante deixa na Galiza significativos contrastes como o que se dá entre o concello coa renda media máis baixa e o que ten a máis alta. A veciñanza de Oleiros ten até 16.000 euros máis que as persoas que residen en Negueira, un 270% máis.

E, no medio, os 16.229 euros por habitante de media na Galiza, un rango no que se atopan concellos como Brión (comarca de Santiago), Gondomar (Vigo) ou Fene (Ferrolterra). Así se desprende da última estatística do IGE referida á renda das galegas e galegos, publicada esta sexta feira con datos referidos ao ano 2021, os máis actuais.

Oleiros é o municipio galego con maior renda por habitante, con 22.755 euros, seguido polas cidades da Coruña (20.451 euros) e Santiago de Compostela (19.747 euros). Salienta, aliás, que só 30 dos 313 concellos que conforman o país superan os 16.229 euros de media no conxunto da Galiza. É dicir, que nove de cada dez municipios teñen rendas por habitante inferiores á media; nalgúns casos, como o de Negueira de Muñiz, case tres veces inferiores.

O 'top 5' de concellos galegos complétase, após Oleiros, A Coruña e Santiago, con Nigrán (19.172 euros) e Teo (19.001). Salienta, pois, que os cinco municipios con maior renda pertencen ás comarcas da Coruña e Santiago de Compostela. E o ranking dos dez primeiros continúano Ourense (18.951), Lugo (18.470), As Somozas (18.419), Pontevedra (18.375) e Ames (17.899). As cidades de Vigo e Ferrol son as únicas que fican fóra desta clasificación, con 17.765 e 16.461 euros de media, respectivamente.

Pola parte baixa da táboa os peores datos, alén de Negueira, atópanse en Parada de Sil (8.065), A Mezquita (8.317), Pontedeva (8.742), Oímbra (8.820), Lobeira (8.966), Chandrexa de Queixa (9.035), A Cañiza (9.092), Vilariño de Conso (9.114), Quintela de Leirado (9.130) e Beariz (9.151), todos eles situados no interior do país. Ademais, outra ducia de concellos non alcanza os 10.000 euros por persoa.

Pola súa parte, o avance de datos do IGE referidos ao ano 2022, aínda non definitivos, recolle que a renda dispoñíbel bruta por habitante subiu até os 16.907 euros por habitante no conxunto do país, un 4,2% máis que no anterior exercicio.

Comentarios