xoves 26/11/20

Un novo director xeral decidirá o futuro da planta de Siemens nas Somozas

Enrique Pedrosa asume a dirección de Siemens-Gamesa en España co futuro da planta das Somozas no aire.
Enrique Pedrosa, novo director xeral para España de Siemens-Gamesa (Foto: Siemens-Gamesa).
Enrique Pedrosa, novo director xeral para España de Siemens-Gamesa (Foto: Siemens-Gamesa).

Siemens-Gamesa, a empresa que está a piques de fechar a súa planta de fabricación de pas para muíños eólicos nas Somozas, vén de nomear novo presidente para España. Trátase de Enrique Pedrosa, que compaxinará o seu novo cargo co seu actual posto na compañía como xefe rexional de eólica terrestre.

Licenciado en Física e MBA pola Universidade do País Vasco, o novo responsábel de Siemens Gamesa no Estado español é un dos executivos máis experimentados na industria eólica. Incorporouse a Gamesa en 2002 e desde entón ocupou varios postos de responsabilidade na área comercial, como a dirección global de mercadotecnia, grandes contas e vendas.

Após a fusión de Siemens e Gamesa, foi nomeado director de vendas e mercadotecnia do negocio de eólica terrestre (onshore) e en setembro de 2017 converteuse en conselleiro delegado 'onshore' para o Sur de Europa e África.

Neste cargo reforzou a posición de liderado da compañía en países como España, Marrocos e Exipto. En 2019, pasou a ocupar o seu posto actual de 'chief regions officer' de 'onshore', con responsabilidade sobre as diferentes rexións da compañía.

Varias plantas no arame

Una das tarefas que terá por diante o novo director de Siemens-Gamesa será a de decidir o futuro da planta galega das Somozas. A compañía advertiu xa en varias ocasións que non ten pedidos en firme para o modelo de pas que alí se fabrican e que tampouco ten pensado investir na planta para que poida asumir carga de traballo doutros modelos de grandes dimensións, que a compañía si fabricará na planta de Vagos, en Portugal. Esta decisión podería deixar na rúa preto de trescentos traballadores e traballadoras na Galiza. 

 Mellor sorte parece que vai correr a planta de Aoiz, en Nafarroa, onde o Goberno navarro e a compañía están negociando un plan para reabrir a factoría, fechada este mesmo verán.

Segundo eses plans, a idea pasa por dedicar a factoría á reciclaxe de pas. Así o adiantou o conselleiro de Desenvolvemento Económico e Empresarial, Manu Ayerdi, quen apuntou que as negociacións entre a empresa e o Goberno navarro continúan en marcha co obxectivo de devolver a actividade a unha planta cun cadro de persoal similar ao das Somozas.

Un novo director xeral decidirá o futuro da planta de Siemens nas Somozas
comentarios