mércores 28/10/20

Traballadores de Siemens Gamesa nas Somozas temen unha deslocalización a Portugal

A planta dá emprego a máis de 300 persoas.

Planta de Siemens Gamesa nas Somozas
Planta de Siemens Gamesa nas Somozas

O comité de empresa da planta que a multinacional Siemens Gamesa ten nas Somozas, na comarca de Ferrolterra, manifestou o seu "medo a unha posíbel deslocalización", despois de que a empresa comprase unha fábrica en Portugal na que "están a facer grandes investimentos e a posta de moldes", onde se elaboran as pas para aeroxeradores.

No seu día, sinalaron os traballadores, apuntábase que tal actividade sería para as instalacións galegas, pero nas Somozas non contan con equipos como os que se están instalando na planta portuguesa de Ria Blades, en Vagos, cuxa adquisición se pechou en abril deste ano.

Nun documento, o comité avisa de que só hai ocupación para o que resta de 2020, polo que reclama o "compromiso por parte da empresa de carga de traballo para o ano 2021".

Os traballadores piden tamén investimentos, tanto en infraestruturas como en novos moldes que fagan que a fábrica "sexa máis competitiva e teña viabilidade a máis longo prazo". As instalacións galegas levan "anos" sen investimentos e os seus produtos "están a quedarse obsoletos".

Reclaman a creación de maneira "inmediata" dunha mesa de traballo na que piden que senten representantes das administracións públicas, de Siemens Gamesa e do comité de empresa para abordar o futuro da planta, que dá traballo a unhas 300 persoas.

comentarios