Segundo lle transmitiu a dirección da empresa ao persoal, deixará de contar con 52 operarios, dos cales 32 pertencen a firmas de traballo temporal (ETT) e os 20 restantes son eventuais.
Así o asegurou o presente do comité de empresa, Sergio López (UXT), quen comentou que, ademais, a dirección da multinacional trasladoulles que a partir da próxima semana a produción reducirase.
En concreto, producirán catro pas semanais, en lugar das sete que realizaban nos últimos meses, unha produción a menos da metade de principios de ano, cando facían nove aspas do modelo SG-114, de 57 metros de longo.
Por outra banda, os traballadores volvéronse concentrar esta sexta feira entre as 13 e as 15 horas, para demandar á dirección da multinacional que se aposte por este centro produtivo.
Trátase da segunda semana consecutiva na que se desenvolverá esta acción de protesta ante a factoría situada no polígono industrial das Somozas.
Con esta acción queren alertar sobre a posíbel deslocalización da compañía, dedicada á fabricación de pas para aeroxeradores.
A Dirección avanza "novos axustes" xustificándose nas perdas
A multinacional deu a coñecer onte os resultados económicos do seu ano fiscal, fechado en setembro. Recoñeceu perdas de 918 millóns de euros, fronte aos beneficios de 140 millóns rexistrados o ano anterior.
Foron os números que expuxo o conselleiro delegado de Siemens Gamesa, Andreas Nauen, para avanzar “novos axustes” no Estado español, dentro da división de eólica terrestre.
O responsábel de Siemens Gamesa puxo de manifesto que “hai que optar pola rendibilidade sobre o volume” e, interpelado sobre a planta situada na comarca de Ferrolterra, trasladou que "non" pode "adiantar unha resposta". "Pero está claro que para que volva ser competitiva teremos que tomar decisións", concluíu.