As novas estafas bancarias deixan en evidencia as debilidades da dixitalización

O descoñecemento no emprego das ferramentas, a celeridade da banca por dixitalizar os seu procesos e a maior tecnificación das estafadoras crean un caldo de cultivo perfecto para a proliferación destes delitos.
O emprego das novas tecnoloxías na banca resta seguridade ás persoas usuarias menos familiarizadas cos dispositivos electrónicos (Foto: Europa Pres).
photo_camera O emprego das novas tecnoloxías na banca resta seguridade ás persoas usuarias menos familiarizadas cos dispositivos electrónicos (Foto: Europa Pres).

Esta quinta feira está convocada en Compostela unha xuntanza á que están convidadas todas as persoas que foron vítimas de estafas financeiras pola técnica de "phishing", consistente en suplantar a identidade da clienta ou cliente para subtraerlle os cartos.

Como explica a Nós Diario, Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal), entidade convocante, o obxectivo da reunión é coñecer as diferentes casuísticas para abrir "vías de diálogo" coas entidades financeiras e así procurar unha solución máis áxil para as persoas afectadas que un proceso xudicial, para o que considera que "non é o momento". 

"Os procedementos penais produciranse antes ou despois e neles van ter que dilucidarse cuestión técnicas como por que os sistemas operativos dos teléfonos non están preparados para evitar que dúas conversas de usuarias distintas teñan a mesma aparencia", apuntou. 

Porén, o seu traballo vai agora máis na liña de determinar "até que punto un consumidor ten que asumir as consecuencias das debilidades dun sistema que deseñan outros".

Neste senso, sinala que as fraudes son moi sofisticadas. "Nalgúns casos só podes decatarte porque lle falta o 's' do protocolo de seguridade (https) á ligazón da páxina", exemplifica. 

Pero detrás desta realidade tamén hai outra relacionada co proceso de dixitalización da banca que, como denuncia, "está indo demasiado rápido". "Moita xente se viu obrigada a dar o salto á banca móbil e á banca electrónica porque as entidades limitaron accións como o pagamento de recibos ou a retirada de efectivo", expón o secretario xeral  de Ucgal, que neste senso apela á responsabilidade das entidades financeiras e das administracións públicas, xa que "moitos sectores non están preparados aínda", alerta.

Con todo, indica que esa rápida dixitalización non é a única causa de que proliferen as estafas bancarias na internet, aínda que recoñece que "todo contribúe".

Modus operandi

Os casos que coñecen na asociación até o momento, todos eles de similares características, tiñan que ver cunha entidade concreta da que López Crespo non quixo revelar o nome. Segundo relatou, a fraude máis común consiste en que as vítimas reciben unha mensaxe SMS no seu teléfono móbil alertándolle dun acceso á súa conta desde outro dispositivo. A mensaxe inclúe unha ligazón que leva a unha páxina que, en aparencia, correspóndese coa da entidade e na que se lle solicita que introduza as súas claves de acceso para acceder ao seu perfil. 

Unha vez que as estafadoras teñen esta información -xa que a vítima está a darlles os datos  aos delincuentes e non á entidade- contactan con ela desde un teléfono que corresponde co da entidade bancaria e no que unha persoa que se fai pasar por traballadora do banco a alerta de que están a detectar movementos na súa conta. Avísaa entón de que lle van mandar unha mensaxe na que aparecerá unha secuencia de cifras para bloquear a operación, pero en realidade o que conseguen é a autorización para realizar a transferencia coa que levan os cartos da vítima.

Medra a sofisticación 

Un dos aspectos que máis está a chamar a atención sobre o modo de proceder das persoas estafadoras é que, amais de conseguir chamar á clienta afectada desde un número que se corresponde co da entidade e mesmo co da súa sucursal, en moitos dos casos estanse a dirixir ás vítimas en galego.

Como explica López Crespo, co emprego da lingua propia as estafadoras logran "un plus de confianza". Aínda así, non se aventura a afirmar que detrás destes feitos delitivos haxa unha organización radicada no país, xa que tamén pode tratarse de ferramentas máis sofisticadas para levar a cabo a estafa pola vía do "phishing". "Non podemos falar de ramificacións galegas, pero como mínimo si podemos asegurar que están a perfeccionar os métodos cos que enganan as súas vítimas para facerse coas claves".

Comentarios