Alertan do aumento das estafas bancarias na Internet

A Asociación de Consumidores da Galiza chama a crear unha fronte común para defenderse ante o aumento das estafas bancarias mediante a técnica do 'phishing'.
As estafadoras fanse pasar polo banco para obter os nosos datos (Foto: Europa Press).
photo_camera As estafadoras fanse pasar polo banco para obter os nosos datos (Foto: Europa Press).

A crecente dixitalización dos servizos bancarios trae consigo novos riscos para a clientela. Un deles é a suplantación da identidade por medio da técnica coñecida como 'phishing', que consiste en obter os contrasinais de acceso á banca electrónica por medio de mensaxes nas que as estafadoras fanse pasar pola propia entidade bancaria.

O equipo técnico da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) confirma o aumento deste tipo de prácticas no país. De feito, só neste mes de setembro atendeu dez casos de persoas que foron vítimas deste tipo de estafas, aos que hai que sumar os de outras persoas que se están a agrupar pola súa conta e que, segundo as estimacións das propias afectadas, superan as 40 familias.

Co gallo de coñecer mellor as distintas casuísticas, a Ucgal ten previsto celebrar a vindeira quinta feira ás 18 horas unha xuntanza coas persoas afectadas que queiran dar conta de primeira man o alcance destas fraudes, a metodoloxía utilizada polos delincuentes e as respostas recibidas por parte das entidades financeiras e as distintas autoridades ante o acontecido.

A cita será en Compostela, nas instalacións do edificio Cersia, na rúa Alcalde Raimundo López Pol. Por razóns de seguridade recoméndase contactar previamente coa organización para avaliar o aforo máximo, apuntan desde a organización. 

Segundo explican nun comunicado, a propia Ucgal xa tería contactado con distintas persoas afectadas de cara a armar unha fronte común contra este tipo de condutas delitivas. Con todo, a Unión de Consumidores considera que antes de poñer en marcha actuacións de natureza xudicial, cómpre esgotar calquera outra vía de acción, en especial o contacto directo coas entidades financeiras, para estudar as vías que permitan a recuperación do diñeiro, e analizar aspectos como a seguridade dos sistemas, aplicacións e protocolos, así como a formación das persoas usuarias da banca electrónica e móbil.

Ucgal solicita que as persoas que desexen acudir leven consigo un breve informe da súa situación persoal (detalle dos feitos, importes subtraídos, reclamacións e denuncias presentadas, así como as respostas obtidas ás mesmas) para avaliar o alcance das fraudes á hora de dirixirse a bancos e autoridades.

De cara a evitar novos casos, recomendan non responder a mensaxes alarmantes que poidan chegar da nosa entidade bancaria e, no caso de recibilos, contactar coa mesma polos canais convencionais para comprobar a información antes de facer calquera acción. 

Comentarios