Nova Pescanova nega que as negociacións de venda da empresa a Cooke estean rotas

A empresa sinala que Abanca seguirá as conversas coa compañía canadense durante este mes de setembro.
Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Nova Pescanova, en Vigo (Foto: Europa Press).

O pasado 13 de abril, Abanca e Cooke anunciaban un principio de acordo para que a entidade bancaria con maior implantación no país vendese 80% das accións de Nova Pescanova á compañía canadense de produtos do mar. 

Porén, segundo informou esta quinta feira El Confidencial, "o proceso de venda de Nova Pescanova encallou. Cooke, o grupo canadense co que Abanca alcanzou un principio de acordo o pasado 13 de abril para venderlle a pesqueira galega, rompeu as negociacións coa entidade financeira española para facerse coa maioría do capital". 

Esta decisión de Cooke baséase, segundo ese xornal, "en varios informes solicitados á firma de servizos profesionais EY para comprobar a situación real das contas da empresa con sede en Pontevedra e propiedade do banco controlado polo empresario venezolano Juan Carlos Escotet", que detectaron, "deficiencias de caixa duns 150 millóns de euros".

Pola contra, segundo aseguran fontes de Nova Pescanova a Nós Diario, esta información non é correcta, xa que, aínda que a operación de venda non está fechada, as negociacións continuarán neste mes de setembro. "Podemos garantir, que é o que Abanca nos dixo a nós (pois non somos parte do proceso de compravenda, vende Abanca e compra Cooke), que en setembro retómanse as negociacións", sinalan as fontes. A información podería ser unha filtración para seguir negociando prezos e premer un acordo á baixa, segundo sinalan a este xornal. 

Sobre as posíbeis deficiencias de liquidez de Nova Pescanova, desde a firma explican que non existen problemas de caixa. "Non deixamos de pagar unha soa factura nin o imos facer, temos unha posición de caixa moi sólida", aseguran. Sobre o informe de EY, engaden, "o que interpretamos é que esta consultora entende que teríamos que investir máis a futuro, é dicir, que temos unhas deficiencias de investimento a futuro de 150 millóns de euros".  Ao respecto, e de ser isto certo, sinalan, "é unha simple opinión de EY, mais nós temos plena autonomía financeira e imos seguir co noso plan de negocio", conclúen. 

Pola súa parte, fontes da CIG (sindicato maioritario no conxunto dos centros produtivos da empresa) consultadas por Nós Diario, sinalan que o sindicato "leva tempo pedindo a documentación económica e financeira do grupo, estar na mesa ou polo menos ao tanto da venda, mais sobre todo  do compromiso do mantemento das plantas e o compromiso do mantemento do emprego". Ao que a empresa responde, sinalan, con "bloqueo e desinformación". Desde a CIG afirman, así mesmo, que "as fábricas traballan a pleno rendemento, polo que entenden que non debería haber problemas de viabilidade nin de liquidez".

A desaparición das caixas

O economista Gonzalo Rodríguez sinala a Nós Diario que "a situación de Nova Pescanova e a necesidade de vender pon de manifesto a ausencia de mecanismos de financiamento específicos para as sociedades industriais desde a desaparicións das caixas".

"Non existe capital financeiro que sexa capaz de comprometerse con este tipo de industrias para garantir a viabilidade a curto prazo nin instrumentos a longo prazo dispostos para esperar a que unha empresa viábel como é Nova Pescanova poida seguir dando beneficios no futuro", engade o economista especializado.

Papel fundamental no país

"Nova Pescanova xoga un papel fundamental na economía galega, un papel simbólico, pois representa a modernidade e foi quen inventou a pesca de grande altura e transformou o sector a nivel mundial", afirma Rodríguez. "É unha compañía que pola súa comercialización e polo seu efecto de arrastre nos empregos directos e indirectos que xera xoga un papel substancial na estrutura económica da pesca", conclúe.

"A Xunta e o Goberno estatal deben coidar as firmas estratéxicas" 

O economista Gonzalo Rodríguez considera que "a Xunta da Galiza e o Goberno estatal deberían pór unha especial atención nas compañías que xogan un papel estrutural, como é o caso de Nova Pescanova". 

Neste sentido, engade, "hai que tratar con máis cariño e dar máis mecanismos de apoio público a sectores dos que depende tanto a economía e nos que a Galiza manifesta unha especialización histórica e ademais moi competitiva".

Comentarios