Galiza exportou anualmente na última década entre 30% e 40% da súa produción eléctrica

A necesidade dun debate racional sobre o sector eólico

O economista e profesor Universidade de Compostela Adrián Dios achega información da produción eléctrica da Galiza e formula unha reflexión sobre a posición a manter de cara ao debate da transición enerxética.    

Electricidade exportada sobre o total
photo_camera Gráfico sobre a exportación de electricidade da Galiza elaborada por Adrián Dios a partir dos balances enerxéticos do INEGA (2000 – 2019)

Despois de 10 anos de estancamento polo despropósito na política eólica do goberno Feixoo (sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza mediante), claramente estase iniciando unha nova vaga de investimentos no sector, que parece van multiplicar a nosa potencia como produtores eléctricos mediante esta tecnoloxía.

O peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes supuxo un punto de inflexión absoluto na matriz enerxética tradicional de Galiza: o carbón deixou de empregarse como materia prima para a produción eléctrica (e iso que fai 20 anos representaba o 50% da nosa produción), sendo substituída progresivamente por dúas tecnoloxías: as centrais de ciclo combinado (que empregan gas na súa transformación) e os parques eólicos. Tendo en conta a importancia tradicional do carbón, a priori parece necesario que estas centrais sexan substituídas por outras para garantir que sigamos producindo electricidade.

Un elemento que soe ficar fóra desta reflexión é que Galiza é un grande produtor eléctrico (con ou sen carbón), e que exporta todos os anos entre un 30 e un 40% da súa produción. Analizando as cifras, aínda pechándose as centrais térmicas continuamos sendo claramente autosuficientes, como amosan os datos dos balances enerxéticos do Instituto Enerxético da Galiza (INEGA) para o ano 2019, último ano de funcionamento das centrais térmicas de carbón e no que a súa produción caeu un 75%: seguimos exportando o 30% da electricidade xerada, porque podemos compensar esta caída coas centrais de gas e, sobre todo, coa potencia eólica existente.

Polo tanto, no debate sobre a transformación enerxética galega e a transición enerxética, é preciso incorporar unha pregunta que como país é prioritaria: temos que continuar aumentando o número de parques eólicos simplemente para exportar esa electricidade? Ou ten máis sentido racionalizar a nosa produción, dimensionala ás nosas necesidades e limitar as externalidades que nos vemos obrigados a sufrir? Son preguntas que aínda non están pechadas, e temos que ser quen de respondelas como sociedade.

Comentarios