Navantia non construirá o dique flotante, considerado por Bruxelas 'competencia desleal'

Así o anunciou a SEPI durante a comisión de seguimento que celebra esta segunda feira cos traballadores de Navantia.

Segundo recolleu a Radio Galega, a Sociedade Estatal de Participación Industrial (SEPI) vén de informar aos traballadores de Navantia que non construirá o dique flotante previsto no porto exterior da Coruña (Punta Langosteira).

De acordo cos representantes da SEPI, a decisión débese a que a Unión Europea considera a devandita construción un acto de "competencia desleal" que vulneraría as leis comunitarias en materia de competencia. De continuar adiante co proxecto, aseguraron fontes da comisión, o Estado español debería facer fronte a unha sanción económica.

A UE terá de explicar por que ve competencia desleal un dique flotante na Galiza e non, en troca, o de San Fernando

Traballadores de Navantia permanecen arestora concentrados ás portas da comisión de seguimento constituída para a criación do dique.

Hai que lembrar que a construción do dique flotante foi un dos comprimisos adquiridos por Núñez Feijóo durante a campaña electoral. O daquela candidato á re-elección aseguraba que esta encomenda xeraría centos de postos de traballo e que suporía unha solución para o sector naval galego.

Por súa parte, a UE terá de explicar por que considera competencia desleal un dique flotante na Galiza e non, en troca, o que xa existe en Andalucía.

Comentarios