venres 24/09/21

Nadia Calviño descarta unha eléctrica pública e anuncia medidas legais polo baleirado de encoros

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital asegura que os prezos actuais da enerxía no mercado almacenista prevíanse para 2030 non para agora.
Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

Nadia Calviño descartou esta segunda feira a creación dunha empresa enerxética pública e advertiu que o Goberno ten intención de tomar medidas legais "inmediatas" contra as empresas hidroeléctricas que están a incorrer en "malas prácticas" polo baleirado de encoros.

Esta acción propiciou xa unha apertura de expediente sancionador por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica contra as empresas responsábeis ás que vén de sumarse a Xunta da Galiza, a través da Consellaría de Medio Ambiente.

Posíbeis sancións

Tras centrar todas as críticas no Goberno estatal e obviar que tivo coñecemento da intención das hidroeléctricas con semanas de antelación, a Xunta abriu expediente ás empresas concesionarias que executaron o baleirado de Cenza, As Portas, Salas e Belesar (Iberdrola e Naturgy) mais á Confederación da Miño-Sil, órgano xestor da bacía onde se localiza a maior perda de auga encorada pola intervención das enerxéticas.

"Imos terminar coas malas prácticas daquelas empresas concesionarias no ámbito hidroeléctrico. A nosa intención é utilizar instrumentos legais para poñer fin a esa mala praxe", subliñou Calviño en declaracións a TVE.

A vicepresidenta remarcou que a enerxía hidroeléctrica e as renovábeis deben aumentar a súa penetración por ser as máis limpas, pero insistiu en que non se pode permitir unha xestión "inadecuada dunhas concesións públicas", de forma que por "razóns puramente de beneficios das empresas, teñan consecuencias negativas desde o punto de vista social e ambiental".

Suba do prezo da luz

A respecto do actual prezo da luz, Calviño asegurou que a medio e longo prazo anticipara un aumento dos prezos almacenistas polo incremento dos custos do CO2. "Pero ese aumento acelerouse moitísimo e os prezos que estamos a ter previámolos para 2030", apuntou.

A vicepresidenta de Asuntos Económicos subliñou que o Goberno adoptou e está a traballar nun plan de choque para que a repunta dos prezos da electricidade non o paguen os cidadáns e as empresas, sobre todo as Pemes, aínda que insistiu en que os prezos do mercado almacenista non son os que automaticamente se pagan no recibo.

En liña co dito polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Calviño asegurou que a previsión do Executivo é que no conxunto do ano "se pague aproximadamente" o mesmo que en 2018 pola luz, "tendo en conta a inflación que houbo desde entón", precisou.

O plan de choque no que traballa o Goberno para rebaixar os custos da factura, indicou, ampliará  algunhas das medidas xa adoptadas, sempre de acordo co marco regulatorio comunitario, e co obxectivo de que sexan "eficaces".

Empresa pública de enerxía

Así, descartou medidas que "non responden as necesidades" e que realmente non serven para atallar os problemas, entre elas a creación dunha empresa enerxética pública, incidiu.

"A evolución dos prezos nos mercados almacenistas non depende de que unha empresa sexa pública ou privada (...) Hai outras ideas e suxerencias que non van resolver en absoluto os problemas. Queremos tomar medidas adecuadas e non atallos que nos leven a males maiores no futuro", defendeu Calviño.

comentarios