A oposición urxe a Feixoo que explique por que "permitiu" o baleirado dos encoros e "faltou á verdade"

A Xunta soubo con semanas de antelación da intención de Iberdrola de baleirar os encoros de Cenza e As Portas.
Encoro de Cenza durante o pasado verán, cando se situaba en niveis semellantes á actualidade. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Situación do encoro de Cenza o pasado 24 de agosto (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, exixiron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que explique por que "permitiu" o baleirado dos encoros e "faltou á verdade" en referencia á información que hoxe publica a edición galega de eldiario.es: Iberdrola avisou á Xunta en xuño e xullo, mediante dous correos electrónicos, da súa intención de baleirar as presas de Cenza e As Portas.

"Monicreque de Iberdrola"

En declaracións aos xornalistas, coincidindo coa súa asistencia á apertura do curso universitario, Pontón acusou Feixoo de gobernar "para o lobby eléctrico". "Non é casualidade que o primeiro en felicitar a Feixoo -como titular do Executivo galego- hai doce anos fose o presidente de Iberdrola, o mesmo ao que agora o señor lle permite o baleirado dos encoros".

"Parécenos unha tomadura de pelo que leve unha semana clamando contra o baleirado cando estaba na súa man frealos porque a lexislación de medio ambiente é unha lexislación galega, e estas empresas comunicáronlle á Xunta o que ían facer", dixo, remarcando o feito de que o Goberno galego soubo con antelación do plan de Iberdrola para os encoros de Cenza e As Portas, en Vilariño de Conso.

"E non moveu un dedo para frealo a pesar de que ten recursos", insistiu Pontón, quen tachou de "cinismo" as declaracións do titular do Executivo galego ao respecto. Ao seu xuízo, o PPdeG goberna "de ganchete das eléctricas" e como "monicreque de Iberdrola". Por iso, exixiu explicacións a Feixoo, que tamén reclamarán no Parlamento.

"Faltou á verdade"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "moi grave" que Feixoo "negase que a Xunta estaba informada do baleirado dos encoros". "Faltou á verdade", recalcou o dirixente socialista, quen insta o presidente galego a recoñecer que o seu Executivo estaba "avisado".

Así, requiriu a Feixoo que explique "cal foi a información que recibiu a Xunta e cal foi a decisión para non tomar ningunha medida".

Críticas de Podemos

Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, apuntou á "responsabilidade" do presidente autonómico. "A Xunta soubo con moita antelación que se ían baleirar, pero preferiu quedar de brazos cruzados, e pronunciarse cando o custo da electricidade alcanzaba máximos históricos, para responsabilizar a outros".

"Mentiu sen reparos cando dixo que o seu Goberno non estaba ao tanto do baleirado de Iberdrola", sinalou Gómez Reino, quen insiste nas "consecuencias" desta medida "ante unha onda de incendios" e pide "depurar responsabilidades".

Comentarios