Opinión

Empresa pública de enerxía

Este xornal informou hai uns días dun espectacular medre dos beneficios das empresas eléctricas coincidindo coa tamén espectacular suba do prezo da electricidade. De ser certo os xestores merecerían un premio, non só polos beneficios obtidos que baten moi de lonxe ao dos mellores investidores do mundo (nin o mítico Lobo de Wall Street gañaba tanto), senón por telos conseguido cun Goberno de esquerda e cun ministro de consumo de militancia comunista. Que non gañarían entón coa dereita no mando! Realmente estes beneficios agochan unha sorte de prima ás renovábeis que son as que teñen un custo de produción menor fronte a outras, especialmente as de orixe fósil e que contan cun custo de produción muito maior. Debeu mudar o modelo de negocio e agora o rendíbel é investir en enerxías verdes ou especular cos dereitos de emisión, o cal ademais de obter ganancia obtense boa reputación como loitador contra os horrores do inferno climático, como ben se nos lembrou hai pouco. Con estes beneficios como non han querer inzar na nosa terra de todo tipo de artefactos xeradores de electricidade a baixo custo?

Mais estas tan ecolóxicas políticas teñen o problema de que fan subir a luz, con consecuencias tanto nos fogares como nas industrias electrointensivas, algo que no seu momento non nos advertiron nin Greta nin os científicos do IPCC nos seus informes sobre a necesidade do cambio de paradigma, e entón comezou a presión política sobre o Goberno español, teoricamente moi sensíbel á cuestión. Unha das proposta que se baralla, supoño que con pouco éxito por diversos motivos, é o de crear unha industria “nacional” de enerxía. Eu non gosto moito da idea, e non só por cuestións da eficiencia relativa deste tipo de industrias nacionalizadas que non imos discutir aquí pola súa complexidade, senón por razóns políticas. E cando me refiro a razóns políticas tampouco estou a me referir ao uso da política enerxética como política social, pois entendo que de querer axudar a alguén imposibilitado de pagar o recibo eléctrico o mellor é a axuda directa, isto é que o Goberno aboe total ou parcialmente o seu monto a aquel que o precise. Estou a referir a política nacional. O grande historiador da tecnoloxía Lewis Mumford escribiu xa hai ben tempo nun libro xenial, Técnica e civilización, sobre as consecuencias políticas do deseño dos sistemas enerxéticos. A cada forma de goberno corresponderíalle unha determinada forma de xerar enerxía. Os estado modernos centralizados gostarían tamén de centralizar a xeración de enerxía para desta forma poder controlar e gobernar mellor as súas poboacións.

Mumford refírese ao cambio que se deu na xeración de electricidade. Nun principio producíase de forma descentralizada en barras locais moi apegadas ao territorio, pero os creadores dos modernos estados centralistas viron a oportunidade e apostaron por deseños centralizados. De esta forma a produción de enerxía estaría localizada uns poucos centros de produción facilmente controlábeis en caso de necesidade, o paradigma do cal é a central nuclear ou as grandes barraxes hidroeléctricas ao estilo de Assuan no Exipto ou a das Tres Gorxas na China. Deste xeito con facer que unha central deixase de producir poderíamos deixar sen enerxía a unha rexión díscola. E se nos fixamos nos países da nosa contorna  non é casual como os máis centralistas como Italia ou Francia son os que contan con empresas públicas de electricidade como ben se resaltou neste xornal. Fano só para abaratar os prezos? Controlar a enerxía é controlar a poboación e o territorio e calquera galeguista ou nacionalista galego debería telo en conta.

Comentarios