Os movementos políticos afectan ás negociacións da compra de Alcoa

Quedan menos de 48 horas para que venza o prazo marcado por Alcoa e o comité de empresa para fechara a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao
A ministra de Industria, Reyes Maroto, nun acto de campaña do Partido Socialista en Madrid, onde aspira a ser vicepresidenta (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Reyes Maroto, nun acto do PSOE en Madrid, onde aspira a ser vicepresidenta. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Nova conta atrás na planta de Alcoa en San Cibrao. Faltan menos de 48 horas para que se cumpra o prazo marcado pola empresa e o comité da Mariña para fechar a venda da factoría de aluminio primario de Cervo á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), mais o Goberno español non parece disposto a ceder nas pretensións da multinacional norteamericana.

Alcoa, á vista do acontecido coas súas antigas plantas da Coruña e Avilés, que están a ser obxecto dunha investigación por parte da Audiencia Nacional con Alu Ibérica ─a nova propietaria─ como protagonista, quere incluír no acordo de venda á SEPI unha cláusula de indemnidade que a protexa ante eventuais reclamacións xudiciais após a venda.

Desde o Ministerio, o secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, comprometeuse a dar unha resposta a esta petición de Alcoa, mais "dentro do marco xurídico", xa que a proposta do xigante do aluminio "non cumpre o marco xurídico e, polo tanto, non vai ser aceptada", avanzou. Tamén deixou claro que o papel do Goberno español non é o de colocar a planta a un terceiro. "Que non tente que sexan as Administracións as que lle vendamos a planta. Non é esa a nosa función", apuntou antes de pedir á empresa que "deixe de enredar" e acceda a vender a fábrica de aluminio primario a Advance (matriz de Liberty House) ou a outras posíbeis interesadas.

E mentres Alcoa segue a agardar por esa resposta, os traballadores e traballadoras da planta de San Cibrao non ocultan a súa preocupación. O comité de empresa pediulle esta semana ao Goberno español "a mesma responsabilidade" que demostrou o cadro de persoal cando tomou a decisión de suspender a folga indefinida para facilitar un acordo coa multinacional que abrise as portas á venda da factoría para garantir o seu futuro.

Frontes abertas 

Un feito que tampouco está a axudar ao avance das negociacións son as mudanzas políticas das últimas semanas. Dunha banda, a designación da até entón presidenta de Navantia, Belén Gualda, como presidenta da SEPI, un nomeamento que se produce coas conversas con Alcoa xa iniciadas

Por outra banda, a ministra de Industria, Reyes Maroto, incrementou a súa presenza nos actos de campaña do candidato do PSOE, Ángel Gabilondo, á Presidencia da Comunidade de Madrid. Esta maior exposición pública débese a que a titular de Industria podería ser a man dereita de Gabilondo nun hipotético Goberno cos socialistas á fronte, ocupando a vicepresidencia económica da rexión. 

Ante este escenario, a ministra tería que renunciar ao seu cargo en cuestión de días, o que provocaría un novo cambio de interlocutores. 

Mais este non é o maior contratempo que pode xurdir nas negociacións. Os tribunais poderían mudar o curso dos acontecementos xa que aínda está pendente a resolución do recurso presentado por Alcoa contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de anular o despedimento colectivo de 524 traballadores e traballadoras. Un veredicto a favor da empresa mudaría o taboleiro de xogo e poría en risco o futuro industrial de San Cibrao e da Mariña.

Volta ás mobilizacións

Após a última reunión multilateral de seguimento, na que se constatou o estancamento das negociacións entre Alcoa e a SEPI para a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo), a representación do comité de empresa aclarou que o acordo con Alcoa garantía a paz social até o 30 de abril, que era a data límite fixada por ambas as dúas para fechar un acordo de venda. Porén, a medida que se achega a data parece máis difícil que o acordo se poida chegar a cumprir.

Preguntados a este respecto, os traballadores e as traballadoras de Alcoa en San Cibrao admitiron que a partir desa data nada lles impide retomar as mobilizacións. É máis, o propio presidente do comité, José Antonio Zan, dixo que non habería "problema" en saír á rúa a exixir a continuidade da actividade industrial.

Comentarios