Alcoa ofrece 'compensacións' por blindarse xudicialmente

Alcoa presiona a SEPI cunha suma "moi importante de efectivo" para que inclúa no acordo de venda varias cláusulas de responsabilidade 
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.

Alcoa segue disposta a fechar a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) antes de que remate o mes de abril. 

Así llelo fixo saber a multinacional nunha misiva remitida a todos os traballadores e traballadoras na que dá conta do estado das negociacións. 

Nesa comunicación, o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, sinala que a empresa está a espera de que a SEPI inclúa no acordo unha cláusula de responsabilidade, "completamente habitual neste tipo de operacións", para acordar as limitacións de responsabilidades do vendedor que é "aínda máis relevante sabendo que a SEPI prevé, posteriormente, vender esta planta a un terceiro".

A cambio de incluír esta cláusula, a compañía mantén a oferta que manexaba no verán de vender a planta por 1 euro, ao que agora engade "transferir unha suma moi importante de efectivo a  SEPI", unha contribución económica que, segundo explica "compensaría as responsabilidades e obrigacións xeradas pola planta de aluminio até a súa venda, que razoabelmente se prevexan".  

"A SEPI, como novo comprador, asumiría a xestión e as responsabilidades xeradas a partir do momento en que se complete a venda", explica o presidente de Alcoa, que se amosa "convencido" da legalidade desta cláusula, incluída na proposta do pasado 4 de febreiro, pendente de resposta por parte do organismo estatal e que tamén figurara nas conversas de venta con Liberty House e a SEPI do pasado verán.

Cartos sen reclamacións

O dirixente da multinacional argumentou que Alcoa, que xa ten a experiencia do acontecido coas plantas da Coruña e Avilés, agora en mans de Alu Ibérica, "non pode acceder a achegar unha gran cantidade de efectivo para esta transacción e, á vez, aceptar que se manteña a posibilidade de reclamar á compañía no futuro", máxime cun terceiro interesado

"Alcoa ofreceu condicións coa intención de vender a planta de aluminio dunha maneira responsábel para todas as partes: está disposta a vendela por 1 euro, achegar unha suma moi significativa de efectivo e, a cambio, a requirir garantías por parte de SEPI de que a venda será definitiva unha vez se complete", incidiu Dorado.

Comentarios