Axentes da unidade de delincuencia económica e fiscal rexistran as fábricas de Alu Ibérica

O operativo nas plantas da Coruña -que durou oito horas- e Avilés suma 11 rexistros e busca probas de despatrimonialización fraudulenta. A última hora desta quinta feira transcendía a detención de tres persoas nos rexistros vinculados á operación. A Xunta afirma que nun primeiro momento xa notou algo raro na venda, mais non impediu que decorrera.
Axentes da Policía Nacional conversan cos representantes do comité ás portas da factoría de Alu Ibérica (M.Dylan / Europa Press)
photo_camera Axentes da Policía Nacional conversan cos representantes do comité ás portas da factoría de Alu Ibérica (M.Dylan / Europa Press)

Axentes da Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía desprazáronse esta quinta feira até as fábricas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés, segundo informan fontes policiais a Europa Press. En concreto, os axentes desta unidade policial contra a delincuencia económica rexistraron durante esta xornada as oficinas de ambas as factorías, nunha visita que se prolongou por oito horas. Esta primeira xornada rematou con tres detencións, malia que non foron na Galiza.

A Policía desenvolve o operativo pola suposta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio que eran propiedade de Alcoa na Coruña e Avilés, no marco dunha investigación dirixida polo xulgado central de instrución número 3 da Audiencia Nacional española.

No marco da devandita operación inclúense un total de 11 rexistros en domicilios de persoas físicas e xurídicas, entre eles os propios centros de produción e un despacho de avogados.

As dúas plantas pertencían con anterioridade á multinacional norteamericana Alcoa, que as vendeu nunha operación sobre a cal a Audiencia Nacional admitiu a trámite a querela presentada contra un total de dez persoas físicas e nove xurídicas.

No operativo van participar máis de 100 funcionarios policiais de distintas especialidades da organización central e territorial da Dirección Xeral da Policía, incluída a unidade central de delincuencia económica e fiscal ( UDEF), ademais de integrantes da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

A querela presentouse por feitos que a xuízo dos sindicatos son constitutivos dos delitos de estafa agravada, insolvencia puníbel, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal, e diríxese contra, entre outros, Víctor Rubén Domenech e as sociedades Alcoa Inespal SLU, Alu Ibérica LC SL, Alu Ibérica AVL SL e Parter Capital Group.

Na planta da Coruña, ademais, o comité ten convocada unha folga desde o 26 de decembro polo despedimento dunha traballadora, ao que se sumou posteriormente o de catro representantes sindicais, entre eles o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho.

Esta semana, o xulgado do social número 1 de reforzo da Coruña condenou á empresa por vulneración de dereitos fundamentais en relación ao exercicio da liberdade sindical.

A Xunta di que detectou problemas no "primeiro momento"

Tras o sucedido hoxe, a Xunta asegurou que non se pode manter a situación pois, na súa opinión, "desde o primeiro momento todo parecía indicar que se tiña fechado en falso" o acordo de venda. En todo caso, o Executivo galego non impediu ese cambio de mans. Agora o presidente, Alberto Núñez Feixoo, destaca que existe unha "alta preocupación" na súa equipa: "Non nos gusta o que está a pasar aí, non da seguridade".

Desde o Principado de Asturias limitáronse a afirmar: "Agardamos que se investigue e se aclare todo o necesario".

Tres detidos á Audiencia Nacional

Pola súa parte, o Ministerio de Industria afirmou que está a seguir "de preto e con preocupación" o que pasa nas factorías. De feito, desde o departamento de Reyes Maroto comentaron que agardar que esta operación solucione os problemas e isto "axude a garantir a viabilidade da empresa".

Aliás, comunicouse que as forzas de seguridade detiveron tres persoas, dúas en Madrid e unha en Málaga, dado que as investigacións foron coordinadas en infraestruturas da Coruña, Avilés, Málaga, Castellón e Madrid. Os arrestados terán que declarar na Audiencia Nacional mañá mesmo. En todo caso, non houbo moita máis información porque o proceso está baixo segredo de sumario.

Comentarios